Ana Pontón propón unha nova Lei de Comercio e máis apoio ao comercio local

A portavoz nacional do BNG presentou en Santiago a campaña Mellor Local, Mellor galego, na que defende unha nova Lei de Comercio, unha moratoria ás grandes superficies e incrementar en 20 millóns de euros o apoio ao comercio de proximidade.
Ana Ponton Comercio
16 Dec 2025

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, presentou este luns en Santiago a campaña Mellor Local, Mellor galego, unha iniciativa coa que a formación nacionalista busca fomentar a compra de produtos galegos en establecementos de proximidade e xerar riqueza no País.

Durante o acto, celebrado nunha céntrica mercería compostelá xunto á alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, Pontón expuxo algunhas das principais propostas do BNG para reforzar o comercio local. Entre elas, destacou a necesidade de impulsar unha nova Lei de Comercio que protexa e ampare o sector e a aplicación dunha moratoria á instalación de grandes superficies, ao considerar que Galiza está saturada de macrocentros comerciais que dificultan a supervivencia do pequeno comercio.

“O que temos que facer é encher de vida as nosas cidades e vilas, e para iso é imprescindible un maior apoio ao comercio local”, subliñou a líder nacionalista, quen lembrou que este sector achega dinamismo económico e social e abre canles de comercialización para producións galegas que dificilmente teñen cabida nas grandes superficies.

Neste sentido, Pontón reclamou á Xunta que dea exemplo cunha compra pública responsable e comprometida co comercio de proximidade e anunciou que o BNG presentará emendas aos Orzamentos da Xunta para 2026 co obxectivo de incrementar en 20 millóns de euros o apoio ao tecido comercial local, que cualificou de “situación delicada”.

A portavoz nacional puxo tamén o foco nas persoas autónomas, ás que definiu como unha peza clave do tecido económico galego. Avogou por unha regulación máis axeitada ás súas especificidades, que reduza a burocracia e incremente os seus dereitos e a protección social, denunciando que moitas delas chegan á xubilación con pensións baixas e unha cobertura insuficiente.

Pontón animou á cidadanía a apostar polo comercio local non só durante o Nadal, senón ao longo de todo o ano, ao considerar que mercar nestes establecementos é “un acto de compromiso co País”, cun modelo económico máis sostible e equilibrado, ademais de ofrecer produtos variados e prezos competitivos.

Por outra banda, a líder do BNG aproveitou a súa comparecencia para reclamar ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que escoite á cidadanía e rexeite definitivamente o proxecto da macrocelulosa de Altri. Pontón fixo referencia ás mobilizacións celebradas en Santiago e esixiulle ao Goberno galego que deixe de apoiar un proxecto que cualificou de “hipoteca para o rural e para a ría de Arousa”, advertindo do risco para máis de 20.000 postos de traballo.

⚙ Configurar cookies
0.29650211334229