Ana Pontón reafirma o rexeitamento do BNG á escalada militar da UE

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reafirmou en Pontevedra a posición “pacifista e antimilitarista” da formación nacionalista diante da actual escalada de gasto militar impulsada pola Unión Europea. Pontón advertiu que o plan europeo para incrementar o orzamento en defensa obrigará a detraer recursos da sanidade, da educación e da atención á dependencia, entre outros servizos esenciais.
A líder nacionalista participou nun acto celebrado baixo o título “Que esconden tras o aumento do gasto militar?”, onde compartiu análise co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. Alí, Pontón sinalou que esta carreira armamentista responde a intereses xeopolíticos e de reposicionamento estratéxico de EEUU fronte a potencias emerxentes como China.
Criticou duramente a hipocrisía dunha UE que, durante a crise económica de 2008, impuxo recortes e disciplina fiscal mentres agora propón destinar 850.000 millóns de euros a armamento. Segundo Pontón, ese investimento non se xustifica porque “os países europeos da OTAN xa gastan anualmente catro veces máis que Rusia en materia militar”.
A nacionalista advertiu das consecuencias da implantación do militarismo, que traerá consigo recortes nos dereitos e liberdades, deterioro dos servizos públicos e unha escalada armamentística en Europa. Reiterou o compromiso do BNG cunha resolución pacífica dos conflitos e cunha política exterior baseada no respecto á soberanía dos pobos.