Ana Pontón reivindica a forza do feminismo rebelde e organizado para frear o avance da onda machista e reaccionaria

O BNG denuncia a complicidade de Rueda co goberno de Milei e defende unha rede pública de coidados para garantir a igualdade real
BNG 8M-min
10 Mar 2025

A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, participou hoxe na declaración política con motivo da conmemoración do 8 de Marzo, acompañada por unha ampla delegación de mulleres con responsabilidades políticas e institucionais. Durante a súa intervención, fixo un chamamento á cidadanía galega a participar de maneira masiva nas mobilizacións feministas previstas para hoxe en defensa dunha Galiza de mulleres libres e iguais.

"Hoxe é un día de orgullo feminista, de loita e de mobilización para seguir traballando por unha sociedade máis xusta", afirmou Pontón, quen denunciou que o feminismo está no punto de mira da onda neofascista. Segundo a líder nacionalista, o feminismo é o movemento con máis forza para frear o machismo reaccionario, algo que, ao seu xuízo, explica o medo e a ofensiva da extrema dereita contra os dereitos das mulleres.

No seu discurso, Pontón quixo lembrar a loita das mulleres que abriron camiño ao longo da historia, destacando o exemplo das mulleres de Narón, que xa en 1918 celebraron o primeiro 8M galego, conseguindo a primeira declaración de igualdade de dereitos entre homes e mulleres no Estado.

Críticas á Xunta e defensa dunha rede pública de coidados

Ana Pontón tamén denunciou a política de retroceso en igualdade do goberno do PP en Galicia. "O PP traballa en contra dos avances das mulleres, desde a eliminación do Servizo Galego de Igualdade, os recortes ás axudas ás vítimas da violencia machista, ata o financiamento de redes antiabortistas con cartos públicos", criticou.

Ademais, lamentou que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, "se exhiba ao carón de gobernos reaccionarios como o de Javier Milei en Arxentina, exemplo do neofascismo negacionista que recorta os dereitos das mulleres".

No ámbito laboral, Pontón puxo o foco na precariedade e na fenda salarial, que en Galicia segue superando os 5.000 euros anuais entre homes e mulleres. "Faltan medios para inspeccionar e facer que se cumpra a lei", advertiu, acusando á Xunta de vulnerar os dereitos laborais das traballadoras da administración pública e de precarizar os sectores onde as mulleres son maioría.

Para reverter esta situación, o BNG defende un compromiso real coa igualdade, propoñendo medidas concretas como:

  • Auditoría laboral en todas as contratacións públicas para garantir a aplicación dos convenios colectivos e da lexislación en materia de igualdade.
  • Creación da Valedoría da Igualdade, un organismo con funcións de investigación, mediación e sanción en casos de discriminación de xénero.
  • Posta en marcha dunha rede pública de coidados que libere ás mulleres da sobrecarga do traballo non remunerado.
  • Ampliación das prazas en escolas infantís para garantir a universalidade da educación de 0 a 3 anos e facilitar a conciliación familiar.

O BNG tamén insta á Xunta a cumprir os compromisos internacionais en materia de igualdade e a garantir o acceso a recursos e servizos para todas as mulleres, independentemente da súa situación socioeconómica ou do seu lugar de residencia.

Finalmente, Pontón insistiu na importancia de encher as rúas de feminismo, orgullo e rebeldía. "Este 8M dicimos alto e claro: nin medo, nin vergoña! Mulleres libres e iguais!", concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.107017993927