Ana Pontón: “Temos que acoller no BNG a todas as persoas que levan Galiza na cabeza e no corazón”

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, protagonizou este 25 de xullo un emotivo discurso no Día da Patria Galega, na Praza da Quintana de Santiago, onde proclamou que Galiza “é unha nación pola que merece a pena loitar”. Fronte a milleiros de persoas, a líder nacionalista fixou como obxectivo ampliar o apoio ao Bloque ata convertelo na “casa común de todos os galegos e galegas”.
“Co sorriso nos beizos e coa man tendida temos que acoller no BNG a todas as persoas que levan a Galiza na cabeza e no corazón”, afirmou, facendo un chamamento a transformar o amor polo País en “conciencia política e apoio electoral”.
Pontón defendeu a singularidade do BNG fronte á corrupción do bipartidismo: “Despois de 40 anos gobernando institucións, non temos nin unha soa persoa condenada por corrupción”. E insistiu en que o Bloque actúa “coas mans limpas e a cabeza alta”, grazas ao traballo da súa militancia.
Na súa intervención tamén destacou o papel das mulleres galegas, pedindo que teñan máis presenza no BNG e nas institucións: “O futuro será feminista ou non será”.
Pontón criticou con dureza o goberno do PP en Galiza, acusando a Rueda de ser “o presidente máis antigalego da historia”, e denunciou o apoio ás grandes corporacións en lugar dos intereses galegos. Tamén proclamou: “ALTRI non, Galiza si”, en referencia á oposición á macrocelulosa proxectada en Palas de Rei.
No ámbito internacional, denunciou o “xenocidio do pobo palestino” e acusou á UE de ser cómplice por mirar para outro lado. Reclamou unha Europa “democrática, pacifista e antimperialista” e rexeitou o incremento do gasto militar e a presenza da OTAN.
“Esta patria vale a pena defendela”, concluíu, facendo un chamamento a seguir construíndo unha Galiza libre, feminista e en paz.