Ana Pontón urxe a reforzar a atención primaria en Teo co persoal, servizos e infraestruturas que precisa

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, urxiu ao Goberno de Alfonso Rueda a reforzar a atención primaria no concello de Teo co persoal e os servizos necesarios, así como a dotala de infraestruturas sanitarias axeitadas.
Pontón participou nunha concentración diante do centro de saúde de Cacheiras xunto ao portavoz municipal do BNG, Eloi Devesa, e as deputadas Montserrat Prado, Iria Carreira e Saleta Chao, para denunciar a situación de deterioro que sofre a atención primaria neste concello como consecuencia dos recortes e das políticas de privatización da Xunta.
Segundo explicou, en Teo “falta persoal sanitario, faltan servizos e faltan infraestruturas adecuadas” para atender á veciñanza cando acode ao seu centro de saúde, unha realidade que, ao seu xuízo, evidencia o deterioro dun elemento que debería ser “vertebral no sistema sanitario”, como é a rede de atención primaria.
A líder nacionalista puxo tamén o foco na precariedade das instalacións sanitarias e lembrou que os veciños e veciñas de Pontevea levan máis de catro anos recibindo atención en contedores, unha solución que ía ser provisional e para a que “non houbo ningunha alternativa nin resposta por parte do Goberno do Partido Popular”.
“O que lle reclamamos á Xunta é que, nun concello con case 20.000 persoas, se cubran as baixas dos profesionais, se ocupen todas as prazas vacantes e se garanta unha atención sanitaria de calidade”, subliñou, denunciando que os sucesivos gobernos do PP “non só non resolveron o problema, senón que traballan na dirección contraria”.
Pontón advertiu de que a situación de Teo non é un caso illado, senón un reflexo do que acontece na maioría dos centros de saúde galegos, consecuencia dunha política sanitaria que, segundo indicou, recortou 1.650 millóns de euros en atención primaria. “Por iso hoxe hai listas de espera incluso para ir ao médico ou médica de cabeceira”, afirmou.
Neste contexto, reclamou un xiro de 180 graos na política sanitaria da Xunta e asegurou que o BNG seguirá defendendo a sanidade pública tanto nas institucións como na rúa, xunto á cidadanía. Así, fixo un chamamento á participación masiva na manifestación convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública este domingo 1 de febreiro en Santiago.
Pontón defendeu as propostas do BNG para reverter os recortes e a privatización do sistema sanitario, entre elas un plan de rescate da atención primaria para recuperar os 1.650 millóns deixados de investir, incrementar até o 25% o orzamento do Sergas destinado á primaria e incorporar novas especialidades, especialmente psicoloxía clínica.
“Desde o BNG imos seguir defendendo sempre a sanidade pública, porque é a que garante a igualdade ante a enfermidade, fronte a un Goberno do Partido Popular que leva 17 anos deteriorando o sistema para beneficiar á sanidade privada”, concluíu.