Ana Pontón viaxa a Bruxelas para trasladar ao comisario de Agricultura a oposición do BNG ao acordo Mercosur

A líder do BNG reunirase co comisario europeo Christophe Hansen para advertir das repercusións do tratado no sector agrogandeiro galego
Ana Ponton
2 Mar 2026

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, viaxa a Bruxelas para manter unha reunión co comisario europeo de Agricultura, Christophe Hansen, na que tamén participará a eurodeputada Ana Miranda.

O encontro, previsto na sede da Comisión Europea o 3 de marzo, servirá para trasladar a oposición do Bloque ao acordo de libre comercio entre a Unión Europea e Mercosur, ao considerar que prexudica gravemente o sector agrogandeiro galego.

Pontón advertirá de que o tratado deixaría aos produtores e produtoras galegas, especialmente do sector cárnico, nunha situación de “desigualdade de condicións”, ao competir con producións realizadas con estándares ambientais, sanitarios e de benestar animal menos esixentes.

Segundo sinala o BNG, a entrada libre de aranceis de 99.000 toneladas de carne de vacún e 180.000 toneladas de carne de aves procedentes de Mercosur impactaría nunha comunidade como Galiza, que produce arredor de 95.600 toneladas anuais de vacún —23.000 delas baixo o selo Tenreira Galega— e 215.000 toneladas de aves.

A formación nacionalista subliña que, nun territorio con predominio de explotacións medianas, unha baixada de prezos pode marcar a diferenza entre a viabilidade e o peche de moitas granxas.

Pontón tamén manterá unha reunión co Grupo Alianza Libre Europea (ALE), do que forma parte o BNG na Eurocámara. O Bloque defende que o envío do tratado ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea abre unha oportunidade para revisar un acordo que cualifica de “nefasto” para o rural galego.

0.33617305755615