Aneiros lembra que o prazo das axudas para entidades deportivas remata o 2 de marzo

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá as instalacións do Polideportivo Javier Gómez Noya, onde se desenvolvía o adestramento das categorías infantil e cadete do Club de Baloncesto Costa Ártabra.
Durante a visita, Aneiros lembrou que o prazo para solicitar as axudas da Xunta destinadas a clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas, seccións e núcleos de adestramento deportivo especializado (NADE) de Galicia para o desenvolvemento de actividades deportivas remata o vindeiro 2 de marzo.
Esta orde da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes conta este ano cun orzamento de 2 millóns de euros e está dirixida ás entidades inscritas no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia (RED). A delegada destacou que para poder acceder ás axudas é preciso non ter sido sancionadas no ano anterior por condutas violentas, racistas, xenófobas ou intolerantes, así como non discriminar por razón de xénero nos premios ou recoñecementos outorgados.
Ademais, as entidades solicitantes deberán estar inscritas na aplicación Actfis-Galicia Activa, que sustenta o RED, e ter aprobado o Protocolo de Protección de Nenos, Nenas e Adolescentes fronte á Violencia no Deporte, designando a correspondente persoa delegada de Protección.
Os gastos subvencionables inclúen os derivados da participación en competicións no ano 2025, como licenzas, seguros deportivos, inscricións, arbitraxes, persoal técnico, desprazamentos, mantemento, aloxamento, material deportivo non inventariable, produtos de farmacia, aluguer de instalacións e servizos profesionais de apoio ao rendemento.
Criterios de valoración
Entre os criterios que determinan o importe da subvención figuran a relevancia da actuación deportiva da entidade, o número de deportistas e adestradores federados, a participación en competicións internacionais, o número de deportistas internacionais ou a presenza en fases de ascenso.
Tamén se valoran actuacións a prol da igualdade efectiva entre mulleres e homes no deporte ou contra a violencia machista. Neste senso, as licenzas femininas duplican a súa puntuación respecto das masculinas.
Na anterior convocatoria resultaron beneficiadas máis de 1.400 entidades deportivas de Galicia, das que máis de noventa pertencen ás comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, cun importe próximo aos 115.000 euros.
Aneiros salientou a importancia de seguir fomentando a práctica deportiva e puxo en valor o traballo do Club Costa Ártabra, que conta con máis de 300 licenzas federativas.