Ángeles Vázquez di en Cospeito que Galicia contabilizou este ano un 30 % máis de aves acuáticas

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático visitou a lagoa con motivo do Día mundial das aves migratorias, que se celebra mañá
aves-acuaticas-lagoa-de-cospeito
8 May 2026

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, indicou hoxe que este ano se contabilizaron en Galicia máis de 109.000 aves acuáticas e mariñas, segundo os datos recollidos no censo anual de aves invernantes, o que supón un 31% máis que en 2025, e cunha maior variedade de especies -catro máis que o pasado ano-.

Segundo indicou a conselleira durante a visita que realizou hoxe á lagoa de Cospeito, con motivo do Día mundial das aves migratorias, que se celebra mañá, 9 de maio, estes datos que se recompilan anualmente serven para priorizar a conservación das especies e para valorar os cambios no tamaño das súas poboacións; así como para facer seguimento ambiental dos seus hábitats.

Este ano, en concreto, os traballos de inventariado realizáronse no mes de xaneiro - coincidindo coa época de invernada en zonas húmidas protexidas- en 1.211 puntos de observación distribuídos en 77 localidades da Comunidade. A única excepción foron os arquipélagos de Cíes, Ons e Sálvora, no Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, onde se realizaron en febreiro a causa das condicións meteorolóxicas.

A conselleira sinalou que a realización destes estudios, que a Xunta vén realizando desde o ano 1987 colaborando así co Censo internacional de aves acuáticas, forma parte das responsabilidades de protección, conservación e seguimento da biodiversidade na Comunidade. E, ademais, a través deste intercambio de coñecemento a nivel internacional tamén se fortalece un seguimento coordinado das aves acuáticas que empregan a ruta migratoria do Atlántico -na que se atopa Galicia-.

De feito, Galicia é un “corredor clave” para a migración de aves en Europa e protexer esas rutas migratorias é necesario para garantir que estes exemplares se poidan alimentar, reproducir e descansar. Ademais, as aves migratorias desempeñan “roles fundamentais” na protección e conservación da biodiversidade e os ecosistemas a través da polinización, dispersión de sementes e control de pragas.

Nese senso, o Día mundial das aves migratorias, que este ano se celebra baixo o lema Cada ave conta: as túas observacións importan!, ten como obxectivo promover a concienciación da sociedade sobre a importancia da conservación das aves migratorias, así como dos desafíos que afrontan durante a súa migración como son o cambio climático ou a perda de hábitats.

Nesa liña, a conselleira puxo en valor que os humidais galegos, como a lagoa de Cospeito, son ecosistemas que serven de refuxio e punto de descanso para estas aves e, de feito, Galicia é a cuarta comunidade española con máis zonas húmidas declaradas de importancia internacional.

A maiores, e dentro do compromiso da Xunta por garantir a correcta conservación das diferentes especies de aves, Ángeles Vázquez lembrou que Galicia conta con catro centros de recuperación de fauna silvestre -un en cada provincia- nos que, precisamente, se presta asistencia a aquelas aves migratorias que a requiran. No que levamos de ano, nos catro centros ingresaron un total de 1.175 animais, dos que preto do 86% foron aves.

0.28457283973694