Antas de Ulla consolídase como referente para a BTT en Galicia

Antas de Ulla volveu formar parte do percorrido da Volta a Galicia BTT coa celebración da segunda etapa da proba, que tivo no Centro Xeográfico de Galicia un dos seus principais puntos de referencia.
O trazado destacou polo seu atractivo, pero tamén pola súa esixencia e dificultade, poñendo a proba aos participantes ao longo do percorrido e permitindo, ao mesmo tempo, amosar a riqueza natural e paisaxística do territorio.
A celebración desta etapa supón un novo impulso á aposta por Antas de Ulla como escenario para acoller competicións deportivas deste nivel, contribuíndo á promoción do municipio e á dinamización da súa contorna a través do deporte.
Desde o Concello trasladaron os seus parabéns a todas as persoas participantes, ás gañadoras e gañadores, aos clubs e tamén a quen tomou parte na competición de maneira individual, polo esforzo e a deportividade demostrados durante a proba.
O Concello tamén agradeceu á organización da Volta a Galicia BTT a súa confianza en Antas de Ulla e o feito de volver incluír o municipio no percorrido desta competición.
Na entrega de medallas participou esta tarde o alcalde de Monterroso, Eloy Pérez, xunto co concelleiro Balbino Martínez, nunha xornada na que a segunda etapa tivo a súa saída e meta en Antas de Ulla.
O obxectivo municipal pasa por continuar reforzando o papel de Antas de Ulla como escenario de grandes eventos deportivos e empregar o deporte como ferramenta para promocionar o territorio e dinamizar o municipio.