Apartan ao maxistrado lucense Luís Villares da Sección Terceira do TSXG

Xuíces para a Democracia cuestiona o traslado e advirte do impacto na imaxe de independencia do tribunal
Luis-Villares
25 Mar 2026

O maxistrado lucense Luís Villares foi retirado da Sección Terceira do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia nunha decisión adoptada pola presidenta da sala, María Azucena Recio, quen asumiu o cargo a comezos deste mes. A responsable xustifica o cambio obrigatorio cara á Sección Cuarta —na que se abordan cuestións relacionadas con tributos ou catastro— que afecta tamén a outros tres xuíces.

A medida prodúcese despois de que o Tribunal Supremo invalidase tres resolucións da sala tras os correspondentes recursos de casación presentados pola concesionaria do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, ao apreciar dúbidas sobre a “imparcialidade” de Villares. Nos tres casos, o maxistrado aceptara os recursos da Consellería de Sanidade e do Sergas fronte ás decisións iniciais do xulgado de instancia. O alto tribunal determinou entón retrotraer os procedementos ao momento previo aos sinalamentos para resolver o fondo dos asuntos coa constitución dunha nova sala que “garanta o dereito a un xuíz imparcial”.

“Este é o motivo que obriga a modificar a composición persoal da Sección Terceira desta Sala e, en consecuencia, da Sección Cuarta”, sinala Recio nunha resolución na que apela á “finalidade última” de “preservar tanto a aparencia como a realidade da imparcialidade” nun órgano integrado por dezaoito maxistrados.

Pola súa banda, o colectivo Xuíces e Xuízas para a Democracia difundiu un comunicado no que cuestiona a decisión de apartar a Luís Villares da sala do TSXG na que viña desenvolvendo o seu traballo e advirte de que “a imaxe do Tribunal e da súa independencia quedan moi afectadas”.

No escrito, a asociación subliña o carácter “pouco habitual” dun traslado forzoso “desta magnitude” e critica as formas empregadas, ao non contar con consulta previa nin aos presidentes das seccións nin aos maxistrados implicados. Fronte ao procedemento habitual, que consiste en cambios puntuais para non “alterar” o funcionamento das seccións, nesta ocasión considérase que se “desmantela” a Terceira ao mover a dous dos seus catro membros.

Xuíces para a Democracia entende que apartar á metade da sección “incide directamente na continuidade dos criterios xurisdicionais defendidos”, o que lles xera “serias dúbidas” sobre que esa non sexa a verdadeira “intención” da decisión.

Ademais, sinalan que non se pode descartar que a cidadanía interprete que as reiteradas presións políticas e empresariais acabaron provocando o resultado buscado: a modificación da composición da sección do TSXG encargada dos litixios relacionados cos parques eólicos en Galicia.

0.2232358455658