APRAFOGA acusa á Xunta de marxinación dos axentes ambientais e denuncia carencias de medios

A Asociación Profesional de Axentes Forestais e Medioambientais de Galicia (APRAFOGA) cargou contra a Consellería do Medio Rural pola situación que, ao seu xuízo, padecen os axentes ambientais galegos, denunciando unha xestión que cualifican de "ineficiente e clasista" na distribución dos recursos tecnolóxicos e materiais destinados ao dispositivo de loita contra os incendios forestais.
A entidade considera que existe unha contradición entre o discurso da Xunta, que tras a campaña de incendios de 2025 situou a intelixencia artificial e as novas tecnoloxías como ferramentas clave para mellorar a prevención e extinción dos lumes, e a realidade coa que se atopan os profesionais que traballan sobre o terreo.
Segundo explica APRAFOGA, os axentes ambientais, responsables da dirección de extinción na maioría dos incendios forestais que se rexistran en Galicia, continúan desenvolvendo o seu labor empregando unicamente teléfonos móbiles para planificar e coordinar as operacións a través da aplicación Xeocode Lite. A asociación advirte de que esta situación dificulta a toma de decisións en tempo real, especialmente pola limitación das pantallas e pola imposibilidade de compatibilizar o uso da aplicación co elevado volume de chamadas que se producen durante as intervencións.
Neste contexto, a organización criticou a recente adquisición de tablets por parte da Administración autonómica. APRAFOGA asegura que os dispositivos foron entregados a persoal administrativo que xa dispón doutros medios informáticos, mentres que os profesionais que traballan directamente na extinción continúan sen contar con ferramentas que, segundo sosteñen, mellorarían a coordinación e a seguridade das operacións.
A asociación subliña que "para nada cuestiona que se dote de ferramentas a outro persoal do dispositivo", pero considera que existe "un uso ineficiente dos fondos públicos para adquirir material que, a miúdo, remata sen uso". Por iso, pregúntase "por que non se mercaron dispositivos para todo o persoal que o precisa" e "que criterios se seguiron para un reparto que, visiblemente, ignora as necesidades reais dos profesionais que traballan no monte".
Ademais, APRAFOGA denuncia a falta de medios nos centros de traballo, onde, segundo indica, varios empregados teñen que compartir os mesmos equipos informáticos para realizar tarefas administrativas. A entidade sostén que esta situación dificulta a xestión diaria e engade que tamén pode afectar á protección dos datos persoais presentes na documentación que manexan habitualmente.
Finalmente, a asociación reclama un cambio na política de xestión da Consellería do Medio Rural e insta aos responsables autonómicos a abandonar o que define como "políticas arbitrarias" e unha xestión baseada en "favoritismos". APRAFOGA conclúe que "os tempos en que a opacidade e as decisións parciais imperaban xa son parte dun pasado que non ten cabida na Administración pública actual".