Aprobado de forma definitiva o orzamento do Concello de Santiago para 2026

Sobe un 1,64 % respecto do de 2025 e supera os 148 millóns de euros
pleno-de-santiago
6 May 2026

O Orzamento Xeral do Concello de Santiago para 2026 quedou este mércores aprobado de forma definitiva. Cos votos a favor de BNG, CA e concelleiras e concelleiro Non Adscrito e a abstención do PP e do PSOE, o Pleno aprobou o rexeitamento ou inadmisión das alegacións presentadas no periodo habilitado para este fin. O Pazo de Raxoi acolleu este mércores un pleno extraordinario ás 13.00 horas.

Na súa intervención, o concelleiro de Facenda, Manuel César Vila, apoiouse nos informes xurídico-técnicos do departamento de Persoal e da Oficina de Xestión Orzamentaria e Contabilidade para explicar a motivación que levou a rexeitar ou inadmitir as alegacións presentadas. Neste último caso, referiuse a unha presentada por un funcionario do Concello, que reclamaba un nivel laboral superior que, entre outras cuestións, é propio da Administración do Estado, alén de que non é materia de alegación a un orzamento e de que o Concello acaba de gañar unha sentenza neste sentido que avala o rexeitamento.

Doutra banda, a Asociación Sandra Prego Rial presentou as outras dúas alegacións nas que pedían a reurbanización da rúa Samos, o mantemento e adecuación do viario público, a súa accesibilidade e a seguridade de infraestruturas e servizos urbanos do barrio dos Grupos Compostela e Cardeal Quiroga e a reposición do sistema de iluminación das instalacións deportivas da Rúa Samos.

Ao respecto, Manuel César avanzou que o goberno municipal “tentará levar adiante as reclamacións coas partidas que xa están no orzamento establecidas”, se ben as alegacións non prosperaron debido a que non está sustentada legalmente a esixencia de incluír estas reclamacións no orzamento.

O orzamento para 2026 sobe un 1,64 % respecto do de 2025 e supera os 148 millóns de euros (148.532.471,20). O montante consolidado coas entidades do sector público municipal ascende a case 152 millóns.

0.34680008888245