Arranca a elaboración do futuro Plan estratéxico para reforzar a eficiencia e a garantía do abastecemento de auga en Galicia

Este actualizará o diagnóstico dos principais sistemas de abastecemento, incorporará as actuacións acometidas e en execución e identificará e priorizará as accións necesaria para adaptarse á nova realidade climática
encoro-uxia-seca
1 Sep 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, afirmou hoxe que se vai iniciar a elaboración do futuro Plan estratéxico para o reforzo da eficiencia e da garantía do abastecemento de Galicia (PEREGA), co obxectivo de analizar cunha visión de conxunto os principais sistemas, actualizar o seu diagnóstico e identificar e “priorizar as solucións máis axeitadas para reforzar a garantía da subministración a medio e longo prazo”. Os seus resultados constituirán a base técnica para abordar posteriormente a revisión do Plan xeral galego de abastecemento previsto na Lei de augas de Galicia.

Nese senso, o Consello da Xunta coñeceu hoxe un informe no que se avanza o inicio deste traballo estratéxico, que partirá o Plan de abastecemento de Galicia e incorporará a situación actual dos sistemas, as actuacións executadas, a evolución das demandas, así como a nova realidade climática, de maior irregularidade das precipitacións e das achegas aos ríos e encoros.

De feito, este verán varios sistemas de Galicia presentan problemas de escaseza conxuntural de auga, polo que a Oficina Técnica da Seca declarou a alerta por escaseza severa no río Lérez-ría de Pontevedra e no río Anllóns-costa da Coruña, e medidas equivalentes en Baiona, así como a prealerta noutros catro sistemas. En canto ao nivel dos nove encoros destinados ao abastecemento, está no 62,5 %, 15,6 puntos por debaixo da media dos últimos cinco anos, cunha situación desigual entre os distintos sistemas. Ao respecto, o presidente afirmou que “o risco está aí, non é novo, e desde a Xunta levamos tempo traballando para facer fronte a esa situación”.

A planificación debe priorizar o mellor aproveitamento dos recursos e infraestruturas existentes e, cando resulte necesario, reforzar a regulación, as conexións entre sistemas ou a incorporación de recursos complementarios e novas fontes de subministración.

Nese senso, Augas de Galicia está a mobilizar máis de 61 millóns de euros para acadar un maior aproveitamento da auga xa dispoñible e para mellorar e aproveitar ao máximo as infraestruturas xa existentes, cun horizonte temporal que chega ao ano 2029.

Máis polo miúdo, a Xunta está apoiando os concellos para reducir as perdas nas redes e mellorar o control dos consumos. 224 concellos xa fixeron auditorías de abastecemento e Augas de Galicia está concedendo axudas para acometer as actuacións necesarias para a súa mellora. En 2025 concedéronse 106 axudas por 4,35 M € e en 2026 habilitouse unha nova convocatoria cun financiamento de preto de 2,5 M €. Ademais, o Plan de dixitalización da xestión da auga beneficiou con cerca de 5 M € a 38 concellos coa instalación de 239 estacións de monitorización que permiten detectar antes fugas e consumos anómalos.

Así mesmo, Augas de Galicia aposta por garantir o bo estado, a seguridade e o máximo aproveitamento das infraestruturas xa dispoñibles con actuacións de modernización, renovación e aumento da súa fiabilidade. Estanse a mobilizar 31 M € para modernizar potabilizadoras e depósitos en 25 concellos e preto de 19 M € en 15 actuacións sobre redes, conducións, captacións e elementos de control. Entre estas últimas destacan a substitución de catro válvulas de abastecemento na presa de Eiras (2,27 M €) e a renovación da condución que abastece Ribadeo e Trabada (8,5 M €).

A maiores, nalgunhas zonas será necesario incrementar a capacidade de almacenar e regular os recursos dispoñibles para afrontar períodos máis prolongados de poucas precipitacións e épocas de alto consumo. Esta liña xa está presente nas actuacións de Augas de Galicia, como é o caso do investimento de 6,2 M € previsto no Salnés para ampliar a ETAP e executar un novo depósito de regulación co que reforzar un sistema supramunicipal no que a demanda chega a duplicarse no verán.

Novas alternativas

Galicia conta xa con grandes sistemas de abastecemento de carácter supramunicipal, nos que unha mesma infraestrutura abastece a varios concellos e nos que hai conexións que permiten que determinados territorios dispoñan de máis dunha fonte de abastecemento. A futura planificación aproveitará esa estrutura e analizará onde convén reforzala ou crear novas interconexións para que os sistemas poidan apoiarse entre si en situacións de escaseza ou en caso de incidencias. Un exemplo disto é Vilagarcía de Arousa, que pode combinar o encoro do Con e o sistema supramunicipal do Umia, e que, logo da ampliación da ETAP de Padrón, tamén dispón do río Ulla como recurso adicional de reforzo.

De cara ao futuro, as augas subterráneas poden contribuír tamén a reforzar determinados abastecementos como recurso complementario ou potencial reserva estratéxica en situacións de seca ou escaseza. Nese senso, Augas de Galicia traballa co Instituto Xeolóxico e Mineiro de España (IGME) na revisión e actualización das 19 masas de auga subterránea da demarcación Galicia-Costa e xa modernizou a súa rede piezométrica, que está formada po 33 puntos de control.

Os traballos do IGME están permitindo integrar o coñecemento existente, identificar as principais lagoas de información e definir as investigacións de detalle necesarias, tales como cartografía de fracturas, estudos xeofísicos, sondaxes e ensaios de bombeo. Nunha seguinte fase, o desenvolvemento destas investigacións permitirá determinar onde estes recursos poden ser aproveitados de forma viable e sostible para reforzar os abastecementos.

Outra opción é a reutilización, xa que permite empregar auga rexenerada para usos industriais, agrícolas, urbanos ou ambientais, preservando a auga potable para os usos que realmente a precisan, como o consumo da poboación. O Plan xeral galego de saneamento, que se está a elaborar, inclúe xa unha folla de ruta sobre esta cuestión na que se analiza as EDAR, os tratamentos dispoñibles e a proximidade de posibles demandas. O obxectivo é identificar os ámbitos nos que a reutilización resulte técnica, sanitaria, ambiental e economicamente viable.

Finalmente, naqueles sistemas nos que estas medidas non resulten suficientes será necesario estudar novas infraestruturas de regulación, incluídos, cando resulte xustificado, novos encoros ou presas, ou a incorporación doutras fontes de subministración. Con todo, estas solucións deben definirse caso por caso comparando a súa viabilidade técnica, ambiental e económica. E o presidente recordou que, ante o cambio climático, “cómpre redobrar os esforzos para que todos fagamos un uso prudente, axeitado e con sentidiño dun ben tan prezado como é a auga”.

0.34311199188232