Arranca a V Residencia literaria da Cidade da Cultura para impulsar dez proxectos inéditos de poesía, teatro e narrativa en galego

Dez escritoras e escritores emerxentes participan na V Residencia literaria da Cidade da Cultura, unha iniciativa que promove a creación en lingua galega cun programa de actividades arredor do proceso literario, o diálogo entre xéneros e o contacto profesional co mundo editorial.
Residencia Literaria
2 Jul 2025

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, acompañado pola directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, deu este luns a benvida ás persoas participantes na V Residencia literaria da Cidade da Cultura. Desde hoxe e ata o 12 de xullo, un total de dez escritoras e escritores emerxentes en lingua galega compartirán un espazo de traballo no Gaiás no que poñer en común inquedanzas e coñecementos para mellorar os seus proxectos inéditos de poesía, teatro, novela e contos.

Anxo M. Lorenzo destacou a diversidade das propostas seleccionadas nesta convocatoria dirixida pola escritora e xestora cultural Eva Mejuto, o que permite "abrir un diálogo interesante entre xéneros que enriquecerá cada proxecto desde unha pluralidade de olladas e prácticas da escrita".

A esta multiplicidade de perspectivas súmase o acompañamento de escritoras e escritores como a dramaturga e narradora oral Paula Carballeira, Premio Nacional de Literatura Dramática en 2023; a xornalista e escritora Inés Martín Rodrigo, Premio Nadal de novela en 2022; e o poeta Ismael Ramos, gañador do Premio de Poesía Xove Miguel Hernández ese mesmo ano.

Desde a súa posta en marcha en 2021, xa participaron nesta residencia máis de medio cento de autores e autoras. Esta quinta edición inclúe novas actividades como rutas literarias por Compostela, encontros con profesionais do sector editorial, maridaxes lectoras con viños e libros, e obradoiros sobre dereitos de autoría, intelixencia artificial, edición, distribución ou promoción.

⚙ Configurar cookies
0.29661297798157