Arranca en Ames unha campaña informativa para denunciar as altas temperaturas nos comedores escolares

A primeira acción desenvolverase este xoves, entre as 15:00 e as 16:30 horas, na Escola Infantil do Milladoiro
Nenos no comedor escolar
10 Jun 2026

O comité de empresa da Billarda, concesionaria do servizo de comedores escolares do Concello de Ames, iniciará este xoves 11 de xuño unha campaña informativa para denunciar as altas temperaturas que, segundo asegura, se están rexistrando en varios centros educativos do municipio e para reclamar unha solución inmediata a esta situación.

A primeira acción desenvolverase na Escola Infantil do Milladoiro entre as 15:00 e as 16:30 horas, onde integrantes do comité informarán ás familias sobre unha problemática que, segundo denuncian, afecta tanto ás persoas traballadoras como ás crianzas usuarias dos comedores escolares.

O comité de empresa asegura que as traballadoras e as crianzas da Escola Infantil do Milladoiro, do CEP Ventín, da Escola Infantil de Covas e da Escola Infantil da Igrexa continúan soportando altas temperaturas desde finais do mes de maio. Unha situación que, segundo advirte a representación social, repercute diariamente nas persoas que desenvolven o seu traballo nestes centros e nas nenas e nenos que utilizan o servizo de comedor.

Neste sentido, o comité explica que tentou manter unha xuntanza coa Alcaldía para trasladarlle o que está a acontecer e procurar solucións inmediatas. Segundo sinala, chegara a concretarse unha data para o encontro a través da concellería responsable, mais a reunión foi aprazada na véspera ao alegarse unha serie de requisitos formais que, segundo denuncian, nunca antes lle foran requiridos a este comité de empresa.

A representación das traballadoras entende que a saúde do persoal dos centros afectados e das crianzas que utilizan diariamente os comedores escolares debe estar por riba de calquera outro interese e considera que a Alcaldía debe adoptar todas as medidas necesarias para evitar estas altas temperaturas e os riscos para a saúde que, ao seu xuízo, comportan.

Por iso, a campaña informativa pretende trasladar ás familias a situación que se está a vivir nos centros afectados e reclamar unha resposta por parte do Concello de Ames.

Ademais, o comité de empresa anima ás nais e pais e ao conxunto da veciñanza a participar no próximo pleno municipal, previsto para o xoves 25 de xuño ás 20:30 horas, para coñecer que medidas vai adoptar o Concello de Ames en relación con esta problemática e para demandar actuacións que garantan unhas condicións adecuadas para as persoas traballadoras e para as crianzas dos comedores escolares.

0.34101796150208