Arranca o traballo da nova Xestora do PSOE provincial co obxectivo de "garantir a estabilidade institucional"

Este martes tivo lugar a primeira reunión dun equipo que se centrará "na construción de proxectos municipais sólidos, con candidaturas capaces de conectar coa realidade social de cada concello"
reunion-xestora-psoe-provincial
17 Dec 2025

A Comisión Xestora do PSdeG-PSOE na provincia de Lugo, constituída este luns tras a resolución da Comisión Executiva Federal, celebrou este martes a súa primeira reunión de traballo para establecer as liñas de actuación nesta nova etapa.

No encontro, a Xestora situou como prioridade dar resposta á situación existente nas institucións tras o cese producido no partido, actuando nos prazos que marca a lei co obxectivo de garantir a estabilidade institucional e a continuidade dos gobernos progresistas na provincia.

A reunión serviu tamén para marcar como eixo central do traballo da Xestora a recuperación da normalidade política e orgánica, tanto nas agrupacións como nos concellos, reforzando a coordinación interna e a presenza en todo o territorio.

Outro dos aspectos abordados foi a preparación da vindeira cita electoral das municipais de 2027. A Comisión incidiu na importancia de "seguir traballando na construción de proxectos municipais sólidos, con candidaturas capaces de conectar coa realidade social de cada concello e de dar resposta ás necesidades da veciñanza".

Ademais, realizouse unha análise dos asuntos que centran as principais preocupacións da cidadanía lucense, con especial atención á situación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) nos concellos, ao estado das comunicacións, á xestión forestal e ao peche definitivo do tema de Altri.

A Comisión Xestora do PSdeG-PSOE de Lugo preséntase como un órgano baseado na renovación, na paridade e na representación territorial, que combina experiencia política, orgánica e institucional. O seu cometido será xestionar a actividade política e orgánica da provincia, garantindo un funcionamento ordenado e estable do partido durante este período.

JOSÉ RAMÓN GÓMEZ BESTEIRO

O Partido Socialista de Galicia (PSdeG) anunciou que estudará todas as accións posibles fronte ao que considera unha campaña de difamación e desinformación emitida polo programa Código 10, da cadea Cuatro, arredor dun asunto relacionado cun presunto caso de acoso.

Desde o partido sinalan que se trata dun tema especialmente sensible, no que están implicadas varias persoas, e denuncian que a difusión de información falsa e sen contraste provoca unha grave afectación a dereitos fundamentais, especialmente á honorabilidade das persoas mencionadas.

O PSdeG nega de maneira rotunda que ningunha vítima se dirixise nunca á dirección do partido e afirma que, cando tivo coñecemento do caso a través dun terceiro o pasado 7 de outubro, sempre recomendou presentar denuncia.

Segundo explica, membros da dirección atenderon en varias ocasións á familiar da presunta vítima, insistíndolle na necesidade de denunciar, e tamén esixiron explicacións ao presunto acosador, que negou os feitos. O partido subliña que, sen unha denuncia formal, non era posible iniciar un procedemento oficial, tal e como establece a lexislación vixente.

Cando finalmente se fixo pública unha denuncia a través da canle interna do PSOE, o PSdeG asegura que activou de inmediato o protocolo antiacoso e solicitou a dimisión do implicado.

A formación defende que todas as datas e feitos expostos polo secretario xeral de Galicia son certos e esixe ao programa unha rectificación pública, así como que recolla a versión e as actuacións do partido para garantir unha información veraz e contrastada.

⚙ Configurar cookies
0.36798501014709