Arranca unha nova edición do concurso escolar para a reciclaxe de pilas

O prazo para que centros educativos de primaria e secundaria se inscriban nesta iniciativa permanecerá aberto desde hoxe, 14 de setembro, ata o 2 de outubro
reciclaxe-pilas-xermade
14 Sep 2026

A Xunta de Galicia, coa colaboración e apoio dos xestores de pilas autorizados Ecopilas, ERP, Ecolec e Unibat, pon en marcha unha nova edición do concurso Pilabot, que ten como obxectivo concienciar a toda a comunidade educativa sobre a reciclaxe de pilas.

Esta iniciativa terá como actividade principal un concurso de recollida de pilas, acumuladores e baterías usadas entre o alumnado de todos os colexios de primaria e secundaria participantes. De feito, hoxe mesmo abre o prazo de inscrición e permanecerá aberto ata o vindeiro 2 de outubro.

Deste xeito, todos os colexios públicos, privados ou concertados da comunidade que estean interesados no proxecto poderán acceder a toda a información, así como a diferente material didáctico e informativo de interese a través da ligazón www.pilabot.gal.

Desde a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático anímase a todos os centros educativos de Galicia de Educación Primaria ou de Secundaria a implicarse nesta campaña que, ademais de contribuír á correcta xestión e reciclaxe das pilas usadas, lles da a oportunidade de competir por catro premios, cun importe global de 7.500 euros, que deberán destinar á adquisición de material escolar ou deportivo ou á organización de actividades educativas.

Con esta iniciativa, búscase fomentar a reciclaxe de pilas entre a comunidade escolar e as familias do alumnado, ao tempo que se lles facilita información e recursos didácticos para promover actitudes positivas que preveñan os problemas de contaminación derivados dunha xestión inadecuada, xa que se trata dun dos residuos máis contaminantes que se xeran nos fogares.

Desde a posta en marcha da campaña, no curso 2018-2019, Pilabot permitiu recuperar xa preto de 292 toneladas destes residuos, grazas á participación dos centros educativos e á implicación do alumnado e das súas familias.

0.33538007736206