Arranca unha nova edición do Correlingua coa convocatoria do Cantalingua
Correlingua xa está en marcha para a edición de 2025, centralizando unha parte da súa actividade no vindeiro mes de maio. A máis musical, divertida e participativa das festas en defensa do galego inicia a súa actividade de 2025 coa convocatoria do seu concurso máis importante: o Cantalingua. As bandas e solistas galegas poderán inscribirse nesta convocatoria que ten como premio unha remuneración de ata 1.300 euros por cada actuación nos centros escolares que participan do Correlingua. O prazo de presentación de cancións finaliza ás 24:00h do 20 de febreiro de 2025.
Cantalingua é unha das convocatorias musicais máis veterana das que se realizan en Galicia e polas que levan pasado as principais bandas e solistas do panorama musical galego dos últimos anos.
No concurso poden participar bandas e solistas en lingua galega de calquera estilo musical. As cancións deben ser orixinais, e cantadas integramente en galego. Para participar nas Festas do Correlingua é necesario participar no Cantalingua.
Os premios para esta edición de Cantalingua no Correlingua de 2025 serán as actuacións previstas nos centros, haberá tres premios para os tres primeiros clasificados cunhas remuneracións de 600 euros brutos por actuación de solista, 800 euros brutos por grupo ata tres compoñente, 1100 euros brutos para grupos de ata cinco compoñentes e 1300 para grupos de seis ou máis compoñentes. Os concertos serán celebrados polas mañás.
A canción deberá presentarse en formato MP3, xunto cunha presentación da banda ou solista e unha fotografía. Hai que indicar un enderezo electrónico e un teléfono de contacto. Todos estes datos pódense enviar ao correo correlingua@gmail.com antes das 24H do 20 de febreiro de 2025. Os grupos ou solistas tamén deberán presentar unha pequena presentación da banda completa ou solista, unha fotografía, e indicar os seguintes datos: enderezo fiscal, enderezo electrónico, teléfono e persoa de contacto, sitio web e link ás súas RRSS.
As cancións participantes serán publicadas na web do Correlingua, serán difundidas nas redes sociais e tamén se editará unha playlist de Spotify para que sexan coñecidas polo maior número posible de persoas. Os gañadores daranse a coñecer desde a web de Correlinuga. Os concertos celebraranse no mes de maio de 2025 cunha duración aproximada de 30 minutos nos concertos compartidos e de 50 minutos cando a actuación sexa en solitario.
Podes consultar as bases completas nesta ligazón.