“Arte nas fiestras” enche de cor e vida o barrio de Ribadavia

O alcalde, Abel Caballero, e a presidenta da Deputación, Carmela Silva, visitaron este xoves o barrio de Ribadavia para coñecer o resultado de “Arte nas fiestras”, un proxecto artístico co que o Concello e a veciñanza buscan recuperar a vida do barrio a través do debuxo e a pintura.
Durante a visita, o rexedor explicou que “é unha forma de recuperar esta zona que seguiremos en todo o barrio”, antes de percorrer as rúas xunto á veciñanza para ver de preto o resultado desta intervención urbana.
Ao longo dos últimos 45 días, un “número notable” de artistas participou no proxecto, pintando 32 xanelas tapiadas de casas e edificios deshabitados. A iniciativa, de carácter colaborativo e altruísta, contou tamén coa implicación da veciñanza, que se animou a participar guiada polos artistas, convertendo o proceso creativo nunha experiencia que revitalizou a convivencia no barrio.