Artelemos reunirá a 32 artesáns en Monforte do 3 ao 8 de agosto cun programa de obradoiros e demostracións en directo

Monforte de Lemos celebrará entre o 3 e o 8 de agosto a XXVI edición da Mostra de Artesanía Artelemos, unha cita que volverá converter a rúa Cardeal no escaparate da artesanía da Ribeira Sacra, de Galicia e doutras comunidades. O evento foi presentado este mércores polo alcalde, José Tomé Roca, acompañado pola tenente de alcalde, Gloria Prada, e pola técnica de Promoción Económica, María Trinidad López.
A mostra desenvolverase coincidindo coa antesala das Festas Patronais e dentro do Programa Cultural de Verán do Concello. Nesta edición participarán 32 artesás e artesáns que exhibirán e porán á venda creacións de disciplinas como a orfebrería, a cestería, o coiro, o vidro, a cerámica, a olería de Gundivós, a madeira, a lá e outras especialidades artesanais.
Do total de participantes, 13 proceden da Ribeira Sacra, un da cidade de Lugo, tres da provincia de Ourense —dous da capital e un de Allariz—, cinco da provincia da Coruña —tres de Santiago e dous doutras localidades—, seis da provincia de Pontevedra —tres de Vigo e tres doutros municipios—, tres da provincia de León, un de Toledo e outro de Murcia.
Durante a presentación, José Tomé destacou que Artelemos é “unha cita xa plenamente consolidada no calendario do noso Concello e da Ribeira Sacra, converténdose cada verán nun importante punto de encontro entre artesáns, veciñanza e visitantes”. O rexedor engadiu que durante esas datas a rúa Cardeal “volverá converterse no gran escaparate da artesanía da nosa comarca, de Galicia e doutras zonas do Estado, ofrecendo ao público unha ampla mostra de creación artesanal e do traballo feito a man”.
O alcalde tamén puxo en valor o papel do sector artesanal e asegurou que “desde o Equipo de Goberno seguimos apostando por iniciativas como Artelemos porque cremos firmemente no enorme valor da nosa artesanía. Os nosos artesáns son embaixadores da nosa cultura, conservan técnicas transmitidas de xeración en xeración e contribúen a manter vivo un legado que forma parte da identidade da Ribeira Sacra”.
Na mesma liña, sinalou que “o feito a man vive un gran momento. Cada vez son máis as persoas que valoran os produtos auténticos, únicos e elaborados con dedicación. Apoiar aos nosos artesáns significa tamén apoiar o desenvolvemento do medio rural, a economía local e a promoción turística do noso territorio”.
Ademais dos postos expositivos, Artelemos contará cun amplo programa de demostracións e obradoiros participativos que permitirán ao público achegarse aos distintos oficios artesanais. Estas actividades desenvolveranse todos os días entre as 12.00 e as 14.00 horas e entre as 19.00 e as 21.00 horas, mentres que a mostra abrirá de 10.00 a 14.00 horas e de 18.00 a 22.00 horas.
A programación comezará o luns 3 de agosto coa inauguración oficial ás 12.00 horas e incluirá unha demostración de olería de Gundivós a cargo de Elías González e un obradoiro de cestería impartido por Luisa Martínez. O martes 4, Otilia Arias e Tomás López ofrecerán unha demostración da olería tradicional da Ribeira Sacra Figulus e impartirán talleres infantís de olería.
O mércores 5 será a quenda dun obradoiro de coiro dirixido por Lucía Casado, no que os participantes elaborarán un colgante artesanal. O xoves 6, Luisa Mosquera impartirá un taller de fieltro en lá e bordado a man para todas as idades, mentres que o venres 7 Amparo Escrich desenvolverá un obradoiro de modelado en barro destinado ao público infantil.
A programación concluirá o sábado 8 con dous talleres simultáneos: María Monsalve ofrecerá un obradoiro de fieltrado con agulla en seco para todos os públicos e Noel Pérez dirixirá unha actividade infantil de moldeado e pintura píntega. En ambos os casos, os asistentes poderán levar as súas creacións. Para participar será preciso inscribirse previamente no stand do Concello cun mínimo de media hora de antelación.
José Tomé asegurou que estas actividades complementarias “acadaron sempre un notable éxito e aceptación entre o público asistente, cunha participación que aumenta ano tras ano”. Ademais, lembrou que Monforte “é unha praza moi demandada polos artesáns debido á gran afluencia de visitantes que recibe a Mostra e aos bos resultados que obteñen durante estes días”.
O rexedor convidou á veciñanza e ás persoas que visiten a cidade nesas datas a achegarse á rúa Cardeal para coñecer o traballo dos artesáns, participar nos obradoiros e apoiar o sector coas súas compras. “Estou convencido de que esta XXVI edición de Artelemos volverá ser un éxito de participación e contribuirá a reforzar a imaxe de Monforte como un referente cultural, artesanal e turístico da Ribeira Sacra”, concluíu.
PROGRAMA DA XXVI MOSTRA DE ARTESAÍA ARTELEMOS