Arturo Pereiro asume o cargo de decano de Psicoloxía na USC

Pertencente ao departamento de Psicoloxía Evolutiva e da Educación, é integrante do grupo NeuCogA-Aging. Neurociencia Cognitiva Aplicada e Psicoxerontoloxía e está vinculado ao IPsiUS
arturo-pereiro-decano-facultade-psicoloxia
30 Jun 2026

O profesor Arturo X. Pereiro Rozas tomou posesión este martes 30 do seu cargo como novo decano da Psicoloxía, 35 anos despois de que a Facultade se constituíse como centro independente e máis de 50 desde que se ofertan estudos de Psicoloxía na USC. “Son xa sete as decanas e decanos que me precederon, e moito e valioso o legado que elas e eles, os seus equipos e o conxunto de profesionais da docencia e administración nos deixaron. Gracias a todas/os! Cómpre agora seguir construíndo con entusiasmo e unidade sobre o xa establecido e afrontar os novos retos”. O acto de toma de posesión, no que tamén participou a decana saínte María José Sampedro, estivo presidido pola reitora Rosa Crujeiras.

O novo decano enumerou os eidos que serán prioritarios durante o seu mandato: mantemento das infraestruturas, aproveitamento das Unidades do Servizo de Psicoloxía como elementos docente-asistenciais básicos, o recoñecemento adecuado das tarefas de xestión, a dispoñibilidade de equipamento e software necesario para a incorporación decidida das TICs e a IA, a seguridade xurídica e a posta en valor do Museo de Psicoloxía.

“Outros retos precisarán de menos axuda institucional e máis axuda interna”, explicou o decano. “Entre estes retos, está o de reformar o plano de estudos e avanzar nas opción de especialización a través dos títulos de máster. En relación con isto, será clave acordar de que xeito o TFG, e incluso o TFM, deben ser reformulados para dotar a estas materias dun sentido de comprobación real do nivel de madurez do estudantado, a adquisición das competencias profesionais básicas, mantendo o proceso de avaliación lonxe da alongada sombra da IA”, engadiu.

A reitora destacou que a Facultade de Psicoloxía da USC acadou ao longo dos anos “unha posición sólida dentro da Universidade, combinando unha formación de calidade, unha investigación recoñecida e unha clara vocación de compromiso coa sociedade, que se materializa a través das múltiples colaboracións con axentes alleos á universidade”. Para Rosa Crujeiras isto é “unha acreditación da súa xestión, que non todos os centros posúen”.

A reitora quixo tamén poñer o foco na saúde mental e en como se está a converter nunha prioridade social. “Estamos a vivir un momento no que a saúde mental e o benestar psicolóxico se converteron nun dos grandes desafíos sociais do noso tempo. O aumento da preocupación polo benestar emocional, especialmente entre a mocidade, o impacto das transformacións sociais e económicas e a necesidade de avanzar cara a modelos máis preventivos sitúan esta cuestión no centro das prioridades colectivas”, explicou en relación ao papel clave que a Psicoloxía representa para a sociedade.

Pertencente ao departamento de Psicoloxía Evolutiva e da Educación, Arturo Xosé Pereiro Rozas é integrante do grupo ‘NeuCogA-Aging. Neurociencia Cognitiva Aplicada e Psicoxerontoloxía’ e está vinculado ao IPsiUS. Dirixiu seis teses de doutoramento e é autor de máis dun cento de publicacións, entre artigos, libros, capítulos de libros e achegas a congresos. A súa tese de doutoramento, tamén defendida na USC, versou sobre os factores de procesamento da capacidade narrativa na vellez.

0.40637111663818