Arzúa celelebrará o sábado o I Campionato Galego de Combatlón

A competición, que será de 10:00 a 14:00 horas, no Polideportivo Municipal do Viso, combina esgrima, loita e kickboxing
combatlon
10 Jun 2026

O Concello de Arzúa acollerá o vindeiro sábado 13 de xuño, de 10:00 a 14:00 horas, no Polideportivo Municipal do Viso, o I Campionato Galego de Combatlón, unha nova modalidade deportiva que combina esgrima, loita e kickboxing e que comeza a dar os seus primeiros pasos oficiais na Galiza.

O evento está organizado pola Escuela Ayude de Arzúa e pola Asociación Galega de Combatlón, e conta co apoio institucional da Federación Galega de Loita e do Concello de Arzúa, a través da área municipal de Deportes.

O Combatlón foi recoñecido pola Secretaría Xeral para o Deporte e integrado na Federación Galega de Loita, o que supón un paso importante para a súa consolidación como modalidade deportiva na Galiza. Neste contexto, Arzúa acolle a primeira actividade oficial desta disciplina na Galiza, reforzando o papel do municipio como espazo de impulso para novas prácticas deportivas.

O alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, destacou que para o Concello “é motivo de satisfacción e orgullo que unha modalidade deportiva con referencialidade en toda Galiza escolla Arzúa para celebrar esta primeira actividade oficial”. Segundo sinalou, esta elección “recoñece a gran labor que veñen realizando os clubs e as entidades deportivas do noso concello, así como o traballo de grandes profesionais que contribúen día a día á promoción da actividade física e ao crecemento de novas disciplinas deportivas”.

Carril subliñou tamén que “Arzúa vén demostrando nos últimos anos a súa capacidade para acoller citas deportivas de relevancia”, algo que, ao seu xuízo, “confirma que o noso concello, pola súa situación e pola súa capacidade organizativa, é un espazo estratéxico para desenvolver este tipo de probas”. Neste sentido, afirmou que desde o Concello de Arzúa “imos seguir apoiando todas aquelas iniciativas que promovan a actividade deportiva, en calquera das súas modalidades, porque entendemos o deporte como unha ferramenta fundamental para crear espazos de convivencia, fomentar hábitos saudábeis e contribuír á dinamización social do noso concello”.

Esta competición será, ademais, unha fase previa aos campionatos galegos de Combatlón. Desde a organización sinalan que se trata da “primeira pedra dun evento histórico” para o desenvolvemento dunha modalidade que continúa medrando na Galiza e que ten en Arzúa un espazo clave para a súa promoción.

Desde o Concello de Arzúa destacan a importancia de apoiar iniciativas deportivas vinculadas ao municipio, especialmente aquelas que nacen do traballo das entidades locais e que contribúen a diversificar a práctica deportiva, promover novos referentes e fortalecer a actividade social arredor do deporte.

A veciñanza poderá achegarse ao Polideportivo Municipal do Viso para coñecer de primeira man esta nova modalidade e acompañar unha competición que supón un paso importante para o crecemento do Combatlón na Galiza.

0.3342010974884