As auxiliares de Endesa volven manifestarse mañá

O persoal das auxiliares de Endesa manifestarase este xoves ás 19.30 horas para esixir garantías de emprego e unha transición xusta.
manifestacion auxiliares endesa as pontes portada
9 Jun 2021

A coordinadora do persoal das industrias auxiliares da central térmica das Pontes ten convocada unha manifestación para este xoves, 10 de xuño, para esixir unha transición enerxética xusta, "que ten que pasar por ofrecer garantías de emprego". A marcha sairá ás 19:30 horas da Casa do Concello.

Lembran que tras dous anos de mobilizacións, conseguiuse un compromiso de garantía de emprego por parte de Endesa que dura até o 30 de xuño próximo. Porén, o recente cambio na tramitación administrativa da solicitude do peche da central prolongará os prazos cando menos até finais de ano, deixando na total incerteza a continuidade dos empregos.

"Vemos como o Ministerio e a Xunta, co beneplácito de Endesa, xogan co noso futuro, enfrontándose os gobernos entre eles, buscando pasarse as responsabilidades, pero sen achegar nunca solucións concretas. Para estas administracións, o tempo é o de menos", denuncia a coordinadora.

Pola súa banda, Endesa coa desculpa da tramitación ordinaria, tampouco concreta cal é o futuro que lles agarda aos traballadores e traballadoras da central térmica.

Futuro incerto

Ante esta falta de garantías e alternativas, "a partir deste 30 de xuño, esta localidade pode volver a perder nóminas, ou dito doutro xeito, ingresos económicos", advirten nun comunicado. De feito, xa está anunciado un ERE nunha compañía auxiliar e, no que afecta á empresa principal, tamén se reactivan os traslados fóra das Pontes.

"Semella que o camiño que nos deixan é o paro ou a emigración; atrás quedan as consignas baleiras de "Transición Xusta" ou "non irnos deixar ninguén atrás", unha auténtica farsa". Fronte a isto, as centrais sindicais chaman a continuar na mobilización e instan a toda a  veciñanza a apoiar este loita que ten como obxectivo "a defensa do emprego e do futuro das Pontes. Está en xogo que As Pontes non se empobreza aínda máis. Quen anunciou unha transición xusta, que cumpra".

manifestacion auxiliares endesa as pontes
0.13608908653259