As bandas de música: tradición e futuro da cultura galega

Galicia conta, desde o século XIX, con centos de bandas de música popular que desempeñan un papel fundamental na difusión da cultura tradicional e na creación de lazos que unen xeracións a través da música
banda-de-musica-santadega-de-cooles
28 Sep 2025

En Galicia existen hoxe en día centos de bandas de música tradicional que, desde o século XIX, veñen desempeñando un papel esencial na difusión da cultura popular, dentro e fóra da comunidade. Este tipo de agrupacións non só proxectan o folclore galego máis alá das nosas fronteiras, senón que tamén cumpren unha función social, creando lazos entre xeracións a través da música e da tradición, ao tempo que actúan como verdadeiras embaixadoras culturais dos concellos aos que representan.

As primeiras agrupacións xurdiron no século XIX, inspiradas nas bandas militares. Moitos directores e músicos formados nese ámbito atoparon nestas formacións civís un espazo onde continuar a súa práctica musical e abrir novas oportunidades profesionais. Desde entón, Galicia viu nacer centos de bandas que seguen hoxe a enriquecer o seu patrimonio cultural e que se expanden por todo o territorio.

REFERENTES HISTÓRICOS

Entre todas, a Banda Artística de Merza, fundada en 1828, está recoñecida como a máis antiga de Galicia. A súa historia, marcada por divisións e posteriores reunificacións, consolidouna como un símbolo da música popular galega. Ao longo da súa historia, actuou en Europa e América, conta con máis de vinte premios internacionais e, desde os anos setenta, mantén unha escola de música que continúa formando novas xeracións.

Por este título de banda máis antiga de Galicia compite tamén A Lira de Ribadavia que, aínda que o primeiro documento oficial que acredita a súa existencia é do ano 1840, existen documentos previos de comezos de 1800 que deixan entrever a súa presenza. A súa historia, ao igual que o de outras moitas agrupacións, estivo atravesada por tensións que remataron por dividir a agrupación ata a súa reunificación en 1894. Desde entón, acumulou unha decena de premios en certames nacionais e internacionais e segue sendo un piar cultural na comarca, convertendo Ribadavia nun referente da cultura popular de bandas en toda Galicia.

A seguinte en xurdir foi a Banda Municipal de Santiago de Compostela, creada en 1848 e profesionalizada en 1876, que marcou época cos seus concertos de paseo na Alameda e na Rúa do Vilar.

Pola súa parte, a Banda Municipal de Celanova, fundada en 1853, tamén está considerada unha das máis antigas de Galicia e, ao longo da súa historia, consolidouse como unha institución clave na vida cultural da vila, desenvolvendo unha importante labor educativa e fomentando a cultura e a música tradicional entre os máis pequenos.

Tamén centenaria é a Banda de Música de Ortigueira, creada en 1860 por Florentino Castiñeiras, organista da Igrexa de Santa Marta. Tras anos de altos e baixos, a banda chegou a desaparecer en 1960 e non volveu rexurdir ata 1992, baixo a batuta de Francisco Aliaga. Porén, a banda tal e como a coñecemos renaceu oficialmente en 2005, tras a unión da Banda Escola de Música de Ortigueira e a Banda Cultural. Hoxe é unha das máis recoñecidas do territorio e alcanzou, ao longo da súa historia, un gran prestixio internacional.

LUGO, TERRA DE BANDAS

Tamén durante o século XIX a provincia de Lugo representou un dos escenarios máis fértiles para este fenómeno cultural. Alí naceu en 1865 a Banda de Música de Chantada, fundada polos irmáns Fernández, coñecidos como Os Ferraias, autores da coñecida Muiñeira de Chantada. Desde entón, pese a algúns altibaixos nos anos 70, a formación logrou manter unha traxectoria de máis de século e medio, marcada pola súa capacidade de adaptación e por unha intensa labor educativa e comunitaria, que hoxe en día continúa.

Pouco tempo despois, en 1869, xurdiu a Banda de Música de Sober, grazas á iniciativa de Casimiro Pérez López, coñecido como “O Chá”, que comezou a reunir varios músicos da zona. Tras atravesar etapas de crise, consolidouse definitivamente en 1975 coa creación da súa escola de música, que hoxe conta con máis dun centenar de alumnos.

Un ano despois, en 1870, na parroquia de Farbán, naceu a Banda de Música de Sarria como unha agrupación de carácter lúdico para poñerlle música as festas da comarca de Sarria e despois nas distintas casas do pobo. Na actualidade, segue a ser un motor cultural da vila, con máis de 60 integrantes e unha escola de música activa, que conta con arredor de 250 alumnos, entre os que destacan os pequenos, que poden cursar ‘Estimulación musical temperá’ a partir de 6 meses, unha iniciativa que tivo moi boa aceptación. Pero a meirande parte do alumnado da escola está formada por nenos e nenas de entre 6 meses e 10 anos, aínda que hai aulas de adultos, que acollen persoas de ata 70 anos. Ademais, a Banda de Música de Sarria conta cunha formación bastante clásica, con instrumentos de vento e percusión, como violonchelos, óboes, frautas, clarinetes, trombóns, trompetas, contrabaixo, piano, o baixo eléctrico e a batería.

NOVAS AGRUPACIÓNS

Se o século XIX foi o punto de partida, o XX supuxo a auténtica explosión do movemento, especialmente nas súas últimas décadas. Naqueles anos, tras superar unha época escura e de estancamento do movemento durante a Guerra Civil, naceron un gran número de agrupacións municipais e comarcais, como a Banda Sinfónica Municipal de Ribadeo ou as de Ordes, Brión, Bueu, Teo, Cambre e Cedeira, consolidando as bandas como unha parte imprescindible da vida comunitaria, especialmente no rural.

Ese florecemento continúa hoxe con novas iniciativas que buscan renovar e actualizar a tradición. Un exemplo é a Escola e Banda Municipal de Música Sons e Soños, un proxecto que une aos municipios de Rábade, Begonte, Outeiro de Rei e Friol, xurdido en 2007. A banda naceu con apenas unha decena de alumnos e un único profesor, Armando Morales, que hoxe exerce como director. Moi pronto, grazas ao traballo dos seus membros, a agrupación consolidouse como motor cultural da comarca, apoiada tamén polo esforzo conxunto dos municipios participantes, polo compromiso do profesorado e polo respaldo constante da Asociación Músico Crisanto, presidida por Pablo Rábade.

Na actualidade conta con preto de 300 alumnos e 26 profesores, e deu lugar a formacións tan diversas como a Murajazz Big Band, a súa versión xuvenil, grupos de pandeireteiras, a Banda de Gaitas Sons da Chaira, un coro e a propia Banda Sons e Soños. O seu primeiro ensaio tivo lugar en xuño de 2011 e, apenas seis meses despois, xa ofrecía o seu concerto inaugural. Desde entón mantén unha actividade constante e nos últimos anos actuou en escenarios como o Lugo Music Festival, en Tenerife ou na emblemática Praza das Praterías de Santiago.

Neste panorama recente destaca tamén a Banda Filharmónica de Lugo, creada en 2013 polo director Iván Martínez Sabio xunto a músicos vencellados á Sociedade Filharmónica e ao Conservatorio Xoán Montes. Desde os seus inicios, a banda organizou cursos de dirección e gravou un disco que a consolidou no ámbito rexional.

Outro dos exemplos máis recentes do rexurdir da música tradicional é a Banda de Música Santádega de Coles, fundada en 2008 polo pianista Luis Humberto Cao. Con máis de sesenta músicos, obtivo recoñecementos en certames da Federación Galega de Bandas de Música Populares, incluíndo primeiros premios en 2019 e 2022, e mantén unha actividade constante en Galicia e Castela e León, participando en festivais de bandas e levando a súa música ás festas patronais do municipio e da súa contorna. Nos seus 17 anos de historia está xa ben consolidada como unha das máis relevantes do territorio e xogou un papel fundamental na recuperación da tradición deste municipio, que chegou a contar con ata oito bandas.

Do mesmo xeito, a Banda da Escola de Música Municipal de Vilaboa, nacida en 2015, consolidouse nos seus dez anos de historia como unha das formacións xuvenís máis activas de Galicia. A banda foi creada para dar continuidade á formación de alumnos de vento, percusión e corda, pero pronto pasou a ser un referente cultural do municipio, participando en distintos eventos e festivais, e logrando o segundo premio no XIII Certame Galego de Bandas de Música na categoría infantil.

Na mesma liña renovadora destaca a Banda de Música da Comarca de Sarria, nada no verán de 2023 e que, do mesmo xeito que Sons e Soños, ten vocación intermunicipal. O proxecto reúne, nunha única dirección, a músicos de Láncara, O Incio, Paradela, O Páramo, Samos, Sarria e Triacastela. O proxecto, que naceu coa clara vocación de enriquecer a vida cultural da zona e manter viva a tradición, non tardou en consolidarse. O seu primeiro concerto coincidiu coa festividade de Santa Icía, en novembro de 2023 e, apenas un ano despois do seu nacemento, en xullo de 2024, impulsou o Festival de Bandas da Comarca de Sarria, converténdose nun espazo de colaboración interxeracional e de intercambio cultural.

A súa creación é a demostración que, aínda hoxe, as bandas de música xogan un papel fundamental na vida comunitaria, especialmente nos núcleos rurais, animando festas e verbenas e mantendo viva a tradición musical popular por todo o territorio, especialmente nos núcleos rurais.

⚙ Configurar cookies
0.25998687744141