As Deputacións de Ourense e Pontevedra colaboran en dous proxectos transfronteirizos sobre o medio rural

As Deputacións de Ourense e Pontevedra avanzan en dous proxectos europeos valorados en máis de 6 millóns de euros que buscan, por un lado, impulsar a innovación e os coidados para unha vida activa no medio rural transfronteirizo e, por outro lado, fomentar a eficiencia enerxética e a sustentabilidade dos edificios das entidades locais.
Neste contexto, o deputado de Fondos Europeos, José María Lago, e o seu homólogo pontevedrés, Javier Tourís, mantiveron unha xuntanza esta mañá no Pazo Provincial de Pontevedra, no que abordaron cuestións relativas a estes proxectos, dos que ambas entidades son socias, e que veñen de ser aprobados recentemente e reciben financiamento do programa POCTEP 21-27.
O primeiro dos proxectos é ‘Smart Builing’, no que ademais das Deputacións de Ourense e Pontevedra participan o Instituto Tecnolóxico de Galicia, a Universidade de Vigo, a Universidade do Minho, o Instituto Politécnico de Viana do Castelo, o CIM Alto Minho e o Instituto Enerxético de Galicia. Esta iniciativa mobilizará un total de máis de 2,5 millóns de euros dos que Europa achega preto de 1,9 millóns de euros.
Con estes recursos, preténdese desenvolver un sistema intelixente de xestión e monitoreo enerxético en edificios públicos situados entre Galicia e Portugal, baseándose en redes intelixentes e novas tecnoloxías para optimizar o consumo de enerxía, reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro e mellorar a eficiencia das infraestruturas públicas de titularidade local.
Pola súa banda ‘Activa Rural Transfronteirizo. Innovación e coidados para unha vida activa no medio rural transfronteirizo’, no que ambas deputacións son socias xunto con outros quince organismos, mobilizará preto de 4,5 millóns de euros dos que Europa achega preto de 3,4 millóns de euros.
Neste caso, trátase dun proxecto que aborda a problemática do envellecemento da poboación en áreas rurais transfronteirizas entre España e Portugal, onde as persoas maiores enfróntanse a dificultades para acceder a servizos asistenciais adecuados.
A través desta iniciativa promoverase un modelo inclusivo, accesible e sostible de coidados asistenciais a través da creación de Aldeas Smarthaus, que actúan como laboratorios vivos de innovación en benestar, saúde comunitaria, coidados asistenciais e envellecemento activo, aplicando principios da Nova Bauhaus Europea como a sustentabilidade, a inclusión e a estética.