As Deputacións de Pontevedra e Ourense alíanse para optar a fondos europeos en eficiencia enerxética e envellecemento saudable

A Deputación de Pontevedra e a Deputación de Ourense suman sinerxías para optar a fondos europeos en materia de eficiencia enerxética e envellecemento saudable. O deputado de Fondos Europeos da institución pontevedresa, Javier Tourís, mantivo esta mañá unha reunión co deputado de Medio Ambiente da Deputación de Ourense, José María Lago, para avanzar nas liñas de colaboración que ambas entidades provinciais veñen desenvolvendo desde o pasado mes de febreiro.
A xuntanza, celebrada no Pazo Provincial de Pontevedra, centrouse na avaliación das propostas conxuntas presentadas a convocatorias de financiamento europeo nos eidos da eficiencia enerxética e do envellecemento activo. Ademais, analizouse a posibilidade de abrir novas vías de colaboración que permitan vertebrar conxuntamente o territorio transfronteirizo das dúas provincias, tanto na contorna do río Miño como na chamada Raia Seca.
No encontro tamén participaron técnicos das dúas deputacións, como o xefe do servizo de Cooperación, Marcos Areán; o responsable da sección de Iniciativas Comunitarias, José Antonio Piñeiro; e a directora de Proxectos Europeos, Susana Fernández. Entre outros temas, trataron a continuidade de proxectos de dinamización do turismo sostible en coordinación con outras deputacións provinciais do Estado.
A colaboración entre Pontevedra e Ourense aspira a fortalecer un modelo de desenvolvemento baseado na sustentabilidade, na cooperación interterritorial e na captación de recursos europeos para impulsar políticas públicas de futuro.