As empresas do sector pesqueiro de Galicia recibirán 18 millóns de euros do PERTE Mar-Industria

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, recibiu este xoves ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, nunha xornada con varios actos institucionais na cidade olívica. Tras a reunión, ambos compareceron para anunciar a resolución do Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (PERTE) Mar-Industria, que asigna 18 dos 40 millóns de euros dispoñibles a empresas do sector pesqueiro galego.
Durante a comparecencia, Luis Planas destacou o papel de Vigo como “capital pesqueira da Unión Europea” e puxo en valor “o logro do Goberno de España en abril de 2024 ao conseguir a luz verde da Comisión Europea para este PERTE, que busca mellorar a competitividade e a sostibilidade do sector”.
Pola súa banda, Abel Caballero celebrou a resolución como “un apoio claro ás empresas e á industria viguesa”, sinalando que “estes fondos van permitir modernizar instalacións, reforzar cadeas de valor e xerar máis emprego cualificado vinculado ao mar”.
O PERTE Mar-Industria está dirixido a proxectos que impulsen a transformación tecnolóxica e ambiental das industrias mariñas, fomentando a innovación, a economía azul e a resiliencia fronte ao cambio climático.