As Escolas de Saúde da Atención Primaria de Ourense, premio nacional en promoción da alimentación saudable

A Subdirección de Enfermaría de Atención Primaria da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras vén de ser recoñecida nos XIX Premios NAOS 2025 outorgado pola Axencia Española de Seguridade Alimentaria
Verónica Civeira, nova subdirectora de enfarmaría de atención primaria da área sanitaria de Ourense
Verónica Civeira
20 Mar 2026

A Subdirección de Enfermaría de Atención Primaria da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras foi recoñecida nos XIX Premios NAOS 2025 na categoría de “Promoción dunha alimentación saudable no ámbito familiar e comunitario” grazas ao proxecto das Escolas de Saúde da Atención Primaria. O galardón, outorgado pola Axencia Española de Seguridade Alimentaria do Ministerio de Derechos Sociales, Consumo y Agenda 2030 e publicado no BOE o pasado 16 de marzo, destaca o compromiso dos profesionais de Atención Primaria coa promoción da saúde e a prevención da enfermidade, recoñecendo o impacto das accións comunitarias desenvolvidas na área sanitaria.

“As Escolas de Saúde constitúen un modelo innovador baseado na educación para a saúde, a participación activa da cidadanía e o traballo en rede con axentes comunitarios”, explican desde a Área Sanitaria. O proxecto está liderado por referentes en saúde comunitaria e desenvolvido por equipos multidisciplinares que achegan coñecementos e ferramentas prácticas para fomentar hábitos de vida saudables entre a poboación. Durante o seu primeiro ano, en 2024, puxéronse en marcha 71 programas distintos, impartíronse 284 talleres e participaron 3.865 persoas, cunha implicación directa de 128 profesionais sanitarios. Estes datos reflicten “a consolidación dun modelo eficaz, participativo e sostible, con altos niveis de satisfacción entre a poboación participante”.

Verónica Civeira Pérez, subdirectora de Enfermaría de Atención Primaria, destaca que “este premio é, sobre todo, un recoñecemento ao esforzo diario dos equipos de Atención Primaria e á súa capacidade para construír saúde desde a proximidade e o compromiso coa comunidade”, e subliña a importancia das Escolas de Saúde na transformación do modelo asistencial. “As Escolas de Saúde representan unha maneira diferente de entender a atención sanitaria, máis participativa, máis próxima e centrada nas persoas, onde a educación para a saúde e o empoderamento da cidadanía son fundamentais”, salienta a subdirectora.

O proxecto tamén se caracteriza pola súa adaptabilidade ás necesidades reais da poboación, mediante metodoloxías participativas e dinámicas que fomentan a implicación cidadá, así como pola colaboración con concellos, asociacións veciñais e outros recursos comunitarios, fortalecendo as redes de apoio e o tecido social.

Desde a Área Sanitaria expresan o seu agradecemento a todos os profesionais implicados, ás entidades colaboradoras e á cidadanía participante, “que contribúen a facer das Escolas de Saúde un proxecto vivo e en constante crecemento”. “Seguiremos traballando con e para a comunidade, acompañando, escoitando e avanzando xuntas e xuntos cara a unha sociedade máis saudable. Este premio anímanos a continuar e a seguir innovando na promoción da saúde”, asegura Civeira Pérez. O premio será entregado nun acto en novembro en Madrid, na sede da Agencia de Seguridad Alimentaria y Nutrición (AESAN).

0.63091611862183