As Food Trucks Sabor Rías Baixas levarán a gastronomía polos 61 concellos da provincia

A Deputación de Pontevedra presenta tres food trucks que percorrerán toda a provincia entre xaneiro e abril para ofrecer degustacións gratuítas inspiradas nas festas gastronómicas e promover un turismo máis descentralizado
O sabor das rias baixas
11 Dec 2025

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, acompañado polo deputado de Turismo, Jesús Vázquez Almuíña, presentou as Food Trucks: Sabor Rías Baixas, unha nova iniciativa destinada a levar a gastronomía e o turismo da provincia a cada un dos seus 61 concellos. O proxecto aposta pola descentralización e pola posta en valor das festas gastronómicas como un dos grandes atractivos das Rías Baixas.

A partir do 28 de xaneiro e ata o 27 de abril, tres furgonetas equipadas con cociña percorrerán o sur, o centro e o norte da provincia, realizando paradas mínimas de 24 horas en cada concello. Durante estas visitas, ofreceranse degustacións gratuítas e información sobre as festas gastronómicas de interese turístico.

En total, as food trucks elaborarán pratos inspirados nas 25 festas gastronómicas recoñecidas oficialmente, difundindo produtos tan emblemáticos como o salmón, a empanada, o cocido, a vieira, o mexillón, a ameixa, o lacón con grelos, a ostra, o choco, a troita, o millo corvo ou a lamprea.

López destacou que esta é “unha nova demostración da aposta da Deputación por unha oferta turística diversa, un sector máis forte e polos 61 concellos da provincia”, lembrando ademais que o orzamento de Turismo para 2026 medra un 17%, superando os 7 millóns de euros.

Pola súa parte, Almuíña subliñou que esta iniciativa “permitirá levar degustacións a toda a provincia, poñendo en valor os produtos da costa e do interior”. No acto participaron tamén representantes municipais e profesionais do sector turístico.

A Deputación reafirma así o seu compromiso cun destino sustentable, desestacionalizado e construído en colaboración co sector. López convidou á cidadanía a achegarse ás food trucks para “descubrir e saborear toda a riqueza das Rías Baixas”.

⚙ Configurar cookies
0.3598370552063