As mulleres emprendedoras poderán solicitar desde o luns as axudas do programa Emega

Esta iniciativa presta especial atención as emprendedoras do rural, as maiores de 55 anos e as que desenvolven a súa actividade en sectores masculinizados
dineiro-cartos-moedas-orzamento
3 Jul 2026

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, acompañada do deputado provincial José Manuel Caamaño, anunciou que as mulleres emprendedoras poderán pedir desde o luns as axudas da nova convocatoria do programa Emega. Fíxoo na súa visita a uno dos comercios beneficiarios de 2025.

A conselleira debullou as liñas básicas destas achegas, ás que a Xunta destina 5 millóns de euros. Estímase que con estes fondos se subvencionarán máis de 350 proxectos empresariais liderados por mulleres e incentivarán a creación de máis de 600 empregos.

Deste modo, destacou que na convocatoria deste ano se manteñen as catro modalidades de axuda de edicións anteriores: Emerxe, con contías de ata 22.000 euros para novas iniciativas empresariais e creación de emprego feminino estable; Impulsa, con ata 17.000 euros e dirixidas a favorecer a reactivación e consolidación de empresas constituídas por mulleres; Innova, con ata 42.000 euros, para iniciativas con contido científico ou base tecnolóxica; e Concilia, unha axuda complementaria das anteriores de ata 5.000 euros para promover a conciliación das emprendedoras e das traballadoras.

Fabiola García incidiu neste último punto, resaltando que favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral é un dos obxectivos de Emega. Ademais, o programa presta especial atención as mulleres que emprenden no rural, as maiores de 55 anos e as que desenvolven a súa actividade en sectores masculinizados.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará hoxe venres, 3 de xullo, a orde de axudas do programa Emega deste ano e, a continuación, abrirase un prazo dun mes para a presentación de solicitudes.

0.34059309959412