As obras da nova Facultade de Farmacia da USC avanzan coa execución das estruturas principais

As obras da nova sede da Facultade de Farmacia da Universidade de Santiago de Compostela (USC) continúan avanzando no Campus Vida e entran nunha nova etapa marcada pola execución das estruturas dos edificios que conformarán o futuro complexo de Ciencias da Saúde.
Os traballos comezaron oficialmente o 10 de outubro de 2025 coa sinatura da acta de replanteo e, tras completar as actuacións de escavación, movemento de terras e cimentacións, o proxecto atópase agora nunha fase na que a evolución da obra resulta xa claramente visible.
Segundo informou a USC, o edificio destinado a prácticas e laboratorios da Facultade de Farmacia presenta actualmente un maior grao de desenvolvemento, mentres que o futuro aulario continúa avanzando de maneira paralela. A evolución das estruturas permite xa identificar a configuración definitiva do conxunto arquitectónico.
Durante o mes de agosto está prevista a incorporación progresiva da estrutura metálica do edificio do aulario, así como a conclusión da estrutura principal do inmoble destinado aos laboratorios.
A planificación da actuación contempla completar a estrutura correspondente á primeira fase antes de que remate o ano. Ademais, prevese que o edificio de laboratorios alcance un importante nivel de execución, con boa parte da súa envolvente xa instalada.
De forma paralela ao avance da construción, continúan os traballos de coordinación técnica, fabricación e subministración dos distintos elementos construtivos e das instalacións que formarán parte do proxecto.
A Universidade de Santiago, a dirección facultativa e a empresa construtora manteñen un seguimento continuo da actuación para garantir o cumprimento dos prazos previstos e asegurar o correcto desenvolvemento dun proxecto chamado a reforzar a formación e a investigación no ámbito das Ciencias da Saúde.