“As pequenas cousas que se fan a diario son as que inflúen na vida dos guitiricenses”

Marisol Morandeira Morandeira encadeou dúas lexislaturas consecutivas no Goberno tras catro anos da tamén socialista Regina Polín, coa que compartiu Goberno
marisol-morandeira-alcaldesa-guitiriz
4 Oct 2026

Explíquenos un pouco como se iniciou na política.

Empecei na política no ano 2011, na lista para as municipais que encabezaba Regina Polín, alcaldesa nese momento. A vinculación co PSdeG-PSOE xurdiu de xeito natural, sempre fun de esquerdas e decidín afiliarme, aínda que non era necesario que o fixese para que todo o mundo soubese cales eran as miñas ideas.

Como deu o salto o recibiu o impulso para ser alcaldesa?

Despois de participar en varias listas, no ano 2018 chegoume a proposta de encabezar a lista polo meu partido para as eleccións municipais do 2019. Despois de pensalo e falalo coa familia, decidín dar o paso. Sempre tiven esta vocación de servizo público, que puiden desempeñar no meu traballo como funcionaria no INSS, así que a política local pareceume o eido ideal para seguir desenvolvendo esa paixón... e aquí estou.

A nivel persoal, que sacrificios supón formar parte do Goberno?

O maior sacrificio que hai que facer para ser alcaldesa é o tempo que lle podes dedicar a calquera outra área da túa vida. O que máis custa é non estar coa familia, pero é verdade que neste momento a miña situación familiar permíteme dispoñer de tempo para poder dedicarllo á alcaldía.

E beneficios?

O mellor da alcaldía é a relación que podes ter con toda a veciñanza, darlles a posibilidade de que acudan a nós sempre que o necesiten ou consideren, porque podemos axudar. Tamén a posibilidade de facer cousas polo teu pobo, de desenvolver un proxecto para o noso concello. Recibes directamente a resposta da xente, e para min iso é fundamental.

Como equilibra a vida pública e a privada?

Atopar o equilibrio pode resultar complicado, pero intento facelo. Cun pouco de organización e as axudas que teño, tanto no Concello como na casa, fan que sexa posible. Delegar é fundamental. A min cústame moito, aínda me queda camiño por percorrer, pero cando tes un bo equipo sempre funciona.

Cales son os seus obxectivos?

Servir ao meu Concello e á veciñanza o mellor posible. Non me propoño ningún outro obxectivo na política neste momento. Gústame vivir o presente e desfrutar mentres estou nesta etapa, o meu pobo merece a miña dedicación plena.

E se renova na Alcaldía cales son as principais actuacións previstas?

O máis importante para min sería ver finalizado o centro de maiores, ese proxecto no que se leva traballando tantos anos, que é imprescindible para a veciñanza do noso concello. As infraestruturas tamén son importantes, temos moitos quilómetros de pistas é supón un coste importante poder mantelas; a vivenda é outra cuestión que nos preocupa; e seguiremos a traballar na área de benestar social, fundamental para que Guitiriz manteña a poboación e as familias escollan o noso concello para construír a súa vida. O proxecto que estamos a desenvolver na antiga nave do Sempa, facendo un centro deportivo e cultural, tamén supón un reto, pero vai tomando forma pouco a pouco.

Cales son as principais liñas do seu programa?

Seguir traballando en mellorar o día a día da veciñanza é o máis importante. Moitas veces, as pequenas cousas que se fan a diario son as que realmente repercuten na vida dos guitiricenses, e para min iso é fundamental. Dáste conta de que, a miúdo, as veciñas e veciños piden cousas pequenas: un foco, un contedor, o arranxo dunha zona en concreto, dun camiño, o desbroce ou limpeza dunha finca... Para eles son importantes e para min é un desafío poder axudar, sobre todo neste momento, no que cada vez hai menos xente para traballar en calquera deses ámbitos. Seguiremos apostando por poñer en valor o noso patrimonio natural, facendo de Guitiriz un destino turístico sostible. Manter o sistema público que temos na área de benestar social tamén é un reto, tendo en conta a dificultade para contar con profesionais dese ámbito.

Cales considera que son as principais necesidades no seu concello?

As necesidades do meu concello son as mesmas que ten calquera concello rural da nosa provincia. Temos problemas de vivenda e transporte público, os servizos públicos (a sanidade e a educación) mantéñense grazas aos traballadores que o fan posible, porque a pesares de que as administracións que teñen as competencias enchen de publicidade os medios de comunicación falando de poñer en valor o rural, despois non se traslada á realidade case ningunha das melloras que prometen. A dixitalización segue a ser un reto, debemos continuar pelexando por que chegue a todo o territorio.

De que proxectos se sente máis orgullosa?

A ampliación da Escola Infantil, para dar cobertura ás necesidades das familias de Guitiriz; e a do Centro de Día, que tamén permite a todas as familias que o precisan traer aos seus maiores, foron melloras importantes para o noso Concello. Cando eu cheguei á alcaldía non se podía dar cobertura ás necesidades que había. Malia seren servizos que debería prestar a administración autonómica, é o concello, cos impostos da veciñanza, o que se ten que ocupar de prestalos.

Que lle gustaría que os veciños visen en vostede como alcaldesa?

Eu son unha veciña máis, e así quero que me vexan, sempre á súa disposición para todo o que necesiten. É importante que saiban que sempre teño a porta aberta para eles, aínda que ás veces me equivoque, e que independentemente de que se poidan solucionar todas as necesidades ou peticións, sempre me teñen para escoitalos.

Como é a súa relación coa oposición?

A miña relación coa oposición é cordial. Eu manteño separada a política do persoal, todos vivimos aquí, eu non me esquezo diso. O fundamental é o respecto.


EN CLAVE PERSOAL

• Idade, estado civil e familiar
Teño 59 anos e dous fillos
• Profesión e formación
Son funcionaria do INSS e, a pesares de que comecei os estudos de Empresariais, non cheguei a rematalos
• E si non fora funcionaria, que lle gustaría ser?
Gústame a miña profesión, e gustaríame calquera traballo no que puidera desenvolver a miña vocación de servizo público
• Que quería ser de maior
Nunca tiven unha idea moi clara, sempre me gustou axudar
• Que fai para desconectar?
Camiñar (se pode ser pola beira da auga), ler e, incluso, manualidades
• Unha virtude e un defecto
A perseveranza. Como defecto, a necesidade de controlalo todo
• Un consello para compartir
É mellor escoitar que falar... aínda que ás veces non o fagamos
• Un libro, unha película ou/e un grupo de música/cantante
Calquera libro de Almudena Grandes, non son moito de películas e a música depende do momento, pero Luz Casal está sempre
• Unha afección
Camiñar ou ler
• Un lugar que visitar
Teño moitos pendentes. Creo que todos os sitios teñen moito que achegar, viaxar abre a mente
• Unha comida e unha bebida
Son comedora de case todo, pero escollería o cocido. Bebo case sempre auga, pero se teño que recomendar, sería un Ribeiro branco
• Unha persoa admirada
Sen dúbida, miña nai. Son o que son grazas a ela
• Unha posesión prezada
A saúde, cada vez valóroa máis
• Un desexo
Que poida seguir traballando pola prosperidade do meu pobo
• Algo para esquecer
Hai moito para elixir nesta época que nos tocou vivir, pero son máis de aprender de todo o que sucede e traballar para mellorar
• Que é o que máis valora nunha persoa?
A empatía, o máis importante é poñerte no lugar do outro
• Un desafío pendente
Aprender inglés, conseguireino nalgún momento.
• Onde se ve en cinco anos?
Fun aprendendo que nunca me atopo onde esperaba, así que prefiro sorprenderme

0.38290095329285