As razas bovinas autóctonas de Galicia reciben os seus primeiros galardóns ExceRazas en Coles

O Pazo de Fontefiz acolleu a entrega destes novos premios, que distinguen os criadores de cachena, caldelá, frieiresa, limiá e vianesa polo seu labor de conservación e mellora xenética
ExceRazas Coles
22 Oct 2026

O Pazo de Fontefiz, na localidade ourensá de Coles, acolleu este xoves a entrega dos primeiros premios ExceRazas, uns galardóns impulsados pola Xunta para recoñecer o traballo das persoas criadoras das cinco razas bovinas autóctonas de Galicia en perigo de extinción: cachena, caldelá, frieiresa, limiá e vianesa. O edificio alberga o Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia, encargado de desenvolver os programas de conservación e fomento destas razas.

Os premios, de carácter honorífico, teñen como obxectivo distinguir a profesionalidade dos gandeiros que conseguiron manter a pureza racial destes animais nun contexto en que outras razas gañaban terreo, así como a súa eficiencia técnica e o seu compromiso co benestar animal e a saúde dos rabaños. Para outorgalos empregáronse indicadores obxectivos certificados polos libros xenealóxicos de cada raza.

O recoñecemento organízase en cinco grupos, un por cada raza, e dentro de cada un deles premian tres categorías: excelencia gandeira, legado e vigor, e identidade e semente da raza.

Durante o acto salientouse o papel que desempeña este gando autóctono no coidado do territorio. Grazas ao aproveitamento que fan dos pastos, estes animais contribúen a manter os espazos abertos e axudan a conservar montes e paisaxes, actuando como auténticas "rozadoiras naturais" e converténdose nunha ferramenta valiosa na prevención de incendios forestais.

O acto serviu tamén para pór en valor o esforzo das persoas criadoras, que permitiron conservar esta parte do patrimonio gandeiro galego, así como o traballo dos equipos técnicos e veterinarios que contribuíron á selección e mellora xenética destes animais, logrando exemplares que destacan pola súa capacidade reprodutiva. Así mesmo, recoñeceuse o papel da federación de criadores Boaga, que recentemente cumpriu 25 anos de traxectoria impulsando a conservación destas razas a través dun traballo colectivo.

0.33011603355408