As rupturas matrimoniais diminuíron en Galicia un 20 % no terceiro trimestre deste ano

Interpuxéronse 854 demandas, fronte ás 1.077 do ano anterior. É a quinta comunidade coa media máis baixa, pois por cada 100.000 habitantes contabilizáronse 31,6 demandas
matrimonio-anels-divorcio
21 Dec 2025

No terceiro trimestre de 2025 rexistráronse en Galicia 854 demandas de ruptura matrimonial (separacións, divorcios e nulidades), fronte ás 1.077 do mesmo período do ano pasado, o que supón un descenso do 20,7 %, segundo os datos do Servizo de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial. O informe tamén revela que, entre o 1 de xullo e o 30 de setembro, diminuíron todos os tipos de demanda.

No período analizado presentáronse 246 de divorcio non consensuado, fronte ás 430 do ano anterior, un 42,8 % menos. Os xulgados da comunidade tamén rexistraron 590 demandas de divorcio consensuado, é dicir, un 3,8 % menos que no terceiro trimestre de 2024, cando se contabilizaron 613.

Os datos estatísticos publicados hoxe reflicten que as separacións, tanto as non consensuadas como as consensuadas, foron as que experimentaron o descenso interanual máis acusado. Das primeiras contabilizáronse catro, polo que a baixada situouse no 42,9 %, mentres que as consensuadas pasaron de 26 a 14, un 46,2 % menos. No terceiro trimestre non se rexistraron nulidades matrimoniais.

Na comunidade, por cada 100.000 habitantes, interpuxéronse, no período estudado, 31,6 demandas, fronte ás 33,8 de media estatal. Só rexistrouse un número menor no País Vasco (26,2), Castela e León (26,4), Cantabria (31,1) e Madrid (31,5).

Procedementos de modificación de medidas en procesos de separación e divorcio e de garda, custodia e alimentos de fillos non matrimoniais

Entre o 1 de xullo e o 30 de setembro presentáronse 144 demandas de modificación de medidas consensuadas, o que supuxo un descenso interanual do 2 %. As demandas de modificación de medidas non consensuadas tamén diminuíron, pois se interpuxeron 142, un 57,7 % menos.

Os procedementos de modificacións de medidas de garda, custodia e alimentos de fillos non matrimoniais consensuadas practicamente mantivéronse, pois se presentaron 223, é dicir, un 1,3 % menos, mentres que as non consensuadas descenderon un 34,8 %, pois se rexistraron 172, fronte ás 264 do mesmo período do ano anterior.

⚙ Configurar cookies
0.28640413284302