As subvencións de cooperación ao desenvolvemento permitirán executar 14 proxectos en África e Latinoamérica

Un total de 14 organizacións non gobernamentais de desenvolvemento (ONGDs) resultaron beneficiarias da convocatoria municipal de subvencións de cooperación ao desenvolvemento do Concello de Santiago de Compostela, dotada cun orzamento global de 400.000 euros. As axudas permitirán poñer en marcha proxectos en países de África e Latinoamérica, centrados no acceso á auga e ao saneamento, a soberanía alimentaria, a educación, a igualdade de xénero e a defensa dos dereitos humanos.
A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, María Rozas, deu conta da resolución da convocatoria nunha comparecencia de prensa, na que subliñou que estas axudas teñen como finalidade contribuír á consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) aprobados polas Nacións Unidas en 2015. Neste sentido, destacou o compromiso do Concello de Santiago coa cooperación internacional e coa defensa dos dereitos humanos.
“Somos a entidade local de Galicia que máis fondos destina a unha convocatoria destas características, desde o convencemento de que debemos contribuír á erradicación da pobreza, á igualdade de xénero, á sostibilidade ambiental e á defensa dos dereitos humanos en todo o mundo”, sinalou Rozas.
Proxectos en África e Latinoamérica
Dos 14 proxectos subvencionados, tres desenvolveranse en países africanos —Congo, Burkina Faso e Guinea Bissau— e os once restantes en Latinoamérica: catro no Salvador, tres en Guatemala e un en Honduras, Nicaragua, Cuba e República Dominicana.
Entre as entidades beneficiarias con achegas de 40.000 euros figuran Arquitectura sen Fronteiras, cun proxecto de mellora do acceso á auga e ao saneamento en Guatemala; Solidariedade Internacional Galicia, cunha iniciativa de soberanía alimentaria nas comunidades indíxenas Mam do mesmo país; e a Fundación Humanitaria Rotarios Españoles, que actuará en Honduras para mellorar o acceso ao saneamento.
Tamén recibirán 40.000 euros tres proxectos dirixidos a mulleres campesiñas, impulsados pola Asamblea de Cooperación pola Paz no Salvador, Movimiento por la Paz, el Desarme y la Libertad en Nicaragua e a ONGD Solidaridad, Educación, Desarrollo, tamén no Salvador. Pola súa banda, Manos Unidas desenvolverá un proxecto vencellado á defensa dos dereitos humanos e á xustiza ambiental no Salvador.
No ámbito educativo, Cooperación Internacional levará a cabo unha actuación en Guatemala cunha axuda de 37.000 euros, mentres que a Asociación Promoción y Desarrollo (Proyde) recibirá 35.000 euros para un proxecto en Burkina Faso.
A Asociación Miradas al Mundo executará unha iniciativa de acceso á auga en Guinea Bissau cunha achega de algo máis de 17.000 euros, a mesma cantidade que recibirá Solidaridad para el Desarrollo y la Paz (Sodepaz) para un proxecto en Cuba dirixido a mellorar a calidade de vida de crianzas e mocidade que precisan respiración asistida.
A relación complétase con proxectos da Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso) na República Dominicana, centrado na prevención da violencia sexual, os matrimonios temperáns e os embarazos adolescentes; de Médicos Mundi Norte, cunha actuación no Salvador relacionada coa soberanía alimentaria e enfocada especialmente ás mulleres; e de Rescate Internacional, que traballará na mellora da educación de adolescentes afectados por conflitos armados no Congo.
As ONGDs beneficiarias deberán executar os proxectos no prazo máximo dun ano, de acordo coas bases da convocatoria.