As universidades públicas ofertarán o ano que vén 19.149 prazas en grao, máster e doutoramento

As tres universidades públicas galegas ofertarán o vindeiro curso 19.149 prazas, das que 11.861 serán en grao, 5.453 en máster e 1.835 en programas de doutoramento. É a proposta elevada pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP ao Ministerio do ramo, que deberá recibir confirmación definitiva na Comisión General de Política Universitaria.
O Consello Galego de Universidades reuniuse hoxe, presidido polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, para continuar avanzando nos trámites para completar a oferta académica do Sistema Universitario de Galicia para o vindeiro curso. Deste xeito, deuse o visto e prace á implantación de tres titulacións no sistema público e nas seguintes semanas, nun Consello extraordinario que se celebrará unha vez estea lista o resto da documentación pendente, prevese dar luz verde a outras tres no sistema público, ademais das propostas elevadas por parte da UIE.
Así, aprobáronse hoxe, e son de nova oferta para o ano académico 26/27, os másteres en Prevención e Abordaxe Multidisciplinar das Drogodependencias e Condutas Aditivas e en Traballo Social no Ámbito Sanitario. Ambos son impartidos de forma conxunta pola Universidade de Santiago de Compostela e pola Universidade de Vigo e o segundo deles é un título conxunto coordinado pola Universidade de Castela–A Mancha no que participan tamén as universidades Complutense de Madrid, da Rioxa e de Zaragoza.
Tamén é novo o máster Erasmus Mundus en Enerxías Renovables e Construción Sostible, impartido pola Universidade da Coruña, o Instituto Nacional de Ciencias Aplicadas de Rouen (Francia), a Universidade de Le Havre (Francia), a Universidade Tecnolóxica e de Economía de Budapest (Hungría) e a Universidade do Minho (Portugal).
No Consello extraordinario, que se celebrará nas vindeiras semanas, prevese a autorización dos másteres universitarios públicos en Vehículos Autónomos (conxunto entre as tres universidades públicas galegas), en Enxeñaría da Paisaxe, Infraestrutura Verde e Transición Rural (USC) e en Atención Sanitaria Orientada ao Benestar.
Ademais hoxe deuse o visto e prace á modificación doutras tres titulacións e, no Consello extraordinario, someteranse a este trámite outras catro modificacións.
No transcurso da reunión aproveitouse para abordar a situación xerada na PAU (Proba de Acceso á Universidade) esta semana e para expoñer os cambios que a Xunta propón introducir de cara ao futuro para mellorar o desenvolvemento destes exames.
Neste senso, o pasado mes de maio a Consellería iniciou o proceso para elaborar unha nova orde que permita que o Goberno autonómico teña un rol máis activos nos traballos de preparación e deseño das probas, como xa sucede noutras comunidades autónomas.
Con esta nova orde estableceranse dous órganos de coordinación e de organización da PAU, ambos de carácter colexiado e con representación da Xunta e das universidades. A finalidade é reforzar a coordinación institucional e avanzar na converxencia progresiva cara a un modelo de proba común en toda España para favorecer a obxectividade e a igualdade de oportunidades, principios que a Xunta reclama desde hai anos.
O Consello Galego de Universidades aprobou tamén este venres o nomeamento de representantes universitarios en distintas entidades. En concreto, na Axencia Galega de Innovación a representación será asumida pola nova reitora da USC, Rosa Crujeiras, mentres que para o Consello de Cooperación Bibliotecaria de Galicia nomeouse como titular a Xaquín Lores (UDC) e como suplemente a Isabel Casal (USC).
No caso do Consello da Cultura Galega, acordouse designar como novo representante ao reitor da UDC, Ricardo Cao, e renovar por dous anos máis ao reitor da UVigo, polo que a nova reitora, Carmen García, ostentará a representación. Para o Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento o representante será Pablo Cabanelas (da UVigo) como titular e como suplente Acacia Navas (UDC), mentres que para a Xunta Consultiva de Contratación Administrativa da Comunidade Autónoma de Galicia nomeouse a Pablo Fernández (UVigo).