As Xornadas Ornitolóxicas 20 na Limia reúnen profesionais e afeccionados

As Xornadas Ornitolóxicas 20 na Limia, organizadas polo Xeodestino A Limia, celebráronse os días 13 e 22 de novembro e reuniron profesionais, especialistas e persoas interesadas na natureza arredor dun obxectivo común: poñer en valor a riqueza ornitolóxica da comarca e avanzar na identificación de oportunidades para o desenvolvemento do turismo de observación de aves no territorio.
A primeira sesión, celebrada o 13 de novembro, estivo centrada no coñecemento e na reflexión colectiva sobre os recursos ornitolóxicos da Limia. A través dunha exposición inicial e dun espazo de intercambio de ideas, as persoas participantes puideron compartir coñecementos, experiencias e diferentes puntos de vista sobre a situación actual, os recursos existentes e as posibilidades de futuro da comarca como destino para a observación de aves.
O encontro permitiu constatar o interese que esperta A Limia entre as persoas afeccionadas e especialistas en ornitoloxía, así como a importancia de seguir traballando na conservación e posta en valor dos seus espazos naturais, na mellora da información dispoñible e na creación de novas oportunidades vinculadas a esta actividade.
A segunda xornada, celebrada o 22 de novembro, trasladou esta reflexión ao propio territorio cun roteiro ornitolóxico no que participaron 35 persoas. O percorrido incluíu diferentes enclaves da comarca, como a Torre da Pena, desde onde se puido obter unha visión xeral da paisaxe da Limia, a Veiga de Gomareite e as Areeiras de Sandiás. A actividade permitiu coñecer de primeira man algúns dos espazos de interese natural da comarca e achegarse á súa diversidade de aves.
Un punto de partida para seguir traballando
As xornadas serviron para compartir coñecemento, establecer conexións entre persoas e entidades vinculadas á natureza e identificar posibles vías de colaboración que permitan seguir avanzando na promoción do turismo ornitolóxico da comarca.
A iniciativa pon de manifesto o potencial que ten A Limia neste ámbito e a importancia de seguir construíndo unha proposta que combine a valorización dos recursos naturais, a conservación da biodiversidade e o desenvolvemento de novas oportunidades vinculadas ao turismo.
As Xornadas Ornitolóxicas 20 na Limia enmárcanse na aposta do Xeodestino A Limia por reforzar o coñecemento e a promoción dos recursos propios da comarca, incorporando a natureza e a biodiversidade ornitolóxica como elementos de identidade territorial e como oportunidades para o desenvolvemento da contorna.