Augas de Galicia instala 17 paneis informativos sobre risco de inundación na contorna do río Umia

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, instalou un total de 17 paneis informativos en diferentes puntos identificados polo risco de inundación na contorna do río Umia ao seu paso polos concellos de Cambados, Ribadumia e Vilanova de Arousa. O obxectivo desta sinalización é concienciar á cidadanía sobre os perigos e as implicacións asociadas aos episodios de choiva intensa, así como sobre as medidas preventivas e as pautas de actuación recomendadas en caso de que se produzan.
En concreto, colocáronse 17 carteis de diferentes tipoloxías na Área de Risco Potencial Significativo de Inundación (ARPSI) río Umia-Ribadumia: oito reducidos, seis xerais a dúas caras, cinco xerais a unha cara e dous infantís. Segundo recolle o Plan de Xestión do Risco de Inundación da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, esta zona pertence ao grupo IV, no que se inclúen as áreas fluviais con maior perigosidade e risco debido á posibilidade de desbordamentos.
A instalación destes elementos busca mellorar a conciencia pública sobre a dinámica natural dos ríos e reforzar a seguridade e as medidas de protección da cidadanía. Este traballo enmárcase no Plan de xestión do risco de inundación e dá continuidade á colocación deste tipo de paneis noutras zonas sensibles de Galicia-Costa.
Ata o momento, Augas de Galicia instalou xa este tipo de indicadores en 32 concellos con áreas de alto risco de inundación no seu territorio, entre eles Gondomar, Ames, Brión, Bueu, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa, Carnota, Vimianzo, Zas, Carballo, Ponteceso, Cabana de Bergantiños, Arteixo, Sada, Fene, Ferrol, Neda, Cedeira, As Pontes de García Rodríguez, Betanzos, A Pobra do Caramiñal, A Coruña, Baiona, Oia, Cambre, Culleredo, Oroso, Santiago de Compostela, Cuntis, Cambados, Ribadumia e Vilanova de Arousa.
Nos casos de áreas amplas para sinalizar, como sucede nesta actuación, o organismo hidráulico combina diferentes formatos e tipoloxías de paneis, entre eles os xerais, que incorporan información específica sobre a zona e os protocolos de actuación ante posibles desbordamentos, ou os infantís, adaptados en linguaxe e deseño ao público máis novo.
Ademais, Augas de Galicia reforza deste xeito o seu compromiso coa prevención e a xestión sostible de posibles inundacións, en colaboración coas administracións locais e autonómicas e en cumprimento do plan vixente ata 2027, actualmente en proceso de revisión segundo a normativa comunitaria sobre a xestión do risco de inundación.
No caso concreto destas actuacións nos tres municipios, os traballos de instalación dos paneis na contorna do Umia forman parte do contrato para a prestación do servizo de concienciación, divulgación do risco de inundación e sinalización das áreas afectadas, que conta cun investimento global próximo aos 700.000 euros.
Ao abeiro deste contrato e dentro do plan de actuacións tamén se desenvolven obradoiros nos centros de educación infantil e primaria situados nas proximidades das áreas de risco potencial significativo de inundación, co obxectivo de concienciar ás novas xeracións sobre estes episodios e sobre a influencia das accións humanas nos contornos fluviais e no funcionamento dos cursos de auga.