Autorizada unha pranta solar fotovoltaica na Laracha

A resolución da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático supón dar luz verde ao proxecto promovido por Inditex, cun investimento de 2,6 millóns de euros
placas-fotovoltaicas-solares
12 Jun 2026

A Xunta acaba de outorgar autorización administrativa previa e de construción para a instalación dunha planta de produción solar fotovoltaica de 1 megavatio (MW) de potencia instalada na Laracha. A resolución da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático supón dar luz verde ao proxecto, promovido por Inditex co fin de destinar a enerxía xerada a autoconsumo do centro de almacenaxe e distribución de tecidos que ten a empresa neste municipio coruñés.

Cun investimento de 2,6 millóns de euros, a futura planta estará localizada na cuberta do edificio e constará dunha instalación fotovoltaica xa existente (de 0,1 MW de potencia e integrada por 368 paneis ou módulos fotovoltaicos) e doutra nova proxectada cunha potencia de 0,9 MW e 2.268 paneis.

As autorizacións concedidas —que xa foron notificadas ao promotor e cuxa resolución se publicará nos próximos días no Diario Oficial de Galicia— permitiranlle instalar os módulos fotovoltaicos indicados e tamén as infraestruturas auxiliares necesarias para distribuír a enerxía producida, en concreto, un centro de transformación de electricidade integrado por dous transformadores xa existentes e un terceiro novo.

Cómpre lembrar tamén que as autorizacións administrativas previa e de construción outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras previstas no proxecto promovido por Inditex.

0.3973491191864