Avante Ourense pídelle á Xunta reforzar a autoridade docente en toda Galicia e formar o profesorado ante posibles agresións sexuais

A organización solicita revisar os protocolos de protección do profesorado en toda a comunidade, protexelo fronte ao acoso das familias e converter Ourense en proxecto piloto dunha nova formación específica
alumnos-estudantes-instituto-educacion
1 Oct 2026

Avante Ourense trasladoulle á Xunta unha petición para revisar en profundidade os protocolos existentes de protección do profesorado, co obxectivo de reforzar a autoridade docente e evitar que ningún profesional teña que enfrontarse en solitario a situacións de acoso, intimidación, ameazas ou presións sostidas por parte de familias ou doutros membros da comunidade educativa. A demanda de revisión de protocolos formúlase con carácter xeral, dirixida ao conxunto do profesorado galego.

Ademais, a formación política considera necesario implantar unha formación obrigatoria e de carácter periódico dirixida a todo o profesorado, centrada na prevención e a actuación ante posibles agresións sexuais contra menores. Esta capacitación incluiría o coñecemento dos protocolos vixentes, as obrigas legais aplicables, a identificación de sinais de alerta e o procedemento axeitado a seguir cando un menor fai unha revelación deste tipo.

O coordinador de Avante Ourense, Francisco Diéguez, defendeu a necesidade de que a autoridade do profesorado non quede só nun recoñecemento formal. Segundo explicou, se a Administración autonómica espera que os docentes poidan poñer límites na aula, debe proporcionarlles ao mesmo tempo os recursos necesarios para sosteren esa autoridade, evitando que un profesional que sofre acoso polo simple feito de desempeñar o seu traballo quede desamparado.

A diferenza da petición de revisión de protocolos, que se formula para o conxunto de Galicia, Diéguez si concretou unha proposta específica para a provincia: que sexa precisamente Ourense a escollida para pór en marcha, a modo de proxecto piloto, esta formación sobre agresións sexuais a menores. Ao seu xuízo, dotar o profesorado ourensán de ferramentas adicionais non suporía ningún prexuízo e si axudaría a que os docentes souberan actuar con seguridade ante unha situación delicada, tendo sempre presente que a prioridade debe ser protexer a vítima e poñerse do seu lado.

A proposta de Avante Ourense non se limita á formación teórica. A organización propón tamén a creación de mecanismos concretos de intervención e apoio por parte da Inspección Educativa cando se detecten casos de acoso ou presión cara ao profesorado. A isto sumaríase unha formación de carácter práctico, baseada no estudo de casos reais e simulacións, que permita ao profesorado coñecer tanto as actuacións recomendadas como aquelas que convén evitar para non interferir nunha eventual investigación posterior.

Diéguez conclúe insistindo en que o obxectivo desta iniciativa non é sumar máis protocolos que rematen sen se aplicaren, senón conseguir que o profesorado estea realmente formado, que os menores conten cunha protección efectiva e que a Administración responda con eficacia cando chegue o momento en que estas ferramentas sexan necesarias.

1.4485569000244