Baiona acolle un proxecto piloto da Xunta para impulsar plans locais de economía social

A Xunta puxo en marcha en Baiona un proxecto piloto para a elaboración de plans locais de economía social, co obxectivo de deseñar estratexias adaptadas ás necesidades específicas de cada territorio. A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participou na primeira xornada participativa celebrada no concello pontevedrés, na que se deron cita axentes sociais, económicos e comunitarios do municipio.
O encontro permitiu recoller propostas, analizar a realidade local e avanzar na definición do futuro Plan Local de Economía Social de Baiona. Esta iniciativa autonómica busca achegar este modelo económico ao territorio e apoiar ás entidades locais no deseño de follas de ruta propias, acordes ás súas características sociais, económicas e produtivas.
Segundo destacou Marta Mariño, a economía social ofrece importantes oportunidades en ámbitos como o emprendemento colectivo, a xeración de emprego estable, a contratación responsable e o fortalecemento do tecido produtivo local. A directora xeral subliñou que este proxecto piloto inclúe asesoramento especializado aliñado coa Estratexia Galega de Economía Social Horizonte 27 e coa Estratexia de emprendemento ligado ao territorio de Galicia.
Ademais de Baiona, o proxecto iniciarase tamén en Ribadavia, coa intención de estender esta experiencia a outros concellos galegos. Con esta actuación, a Xunta reafirma o seu compromiso coa economía social como motor de cohesión, innovación e desenvolvemento sostible desde o ámbito local.