Baiuca e Tres Pesos pecharán o TradFest 2025 nunha xornada con música, artesanía e cultura oral

A sétima edición do TradFest celebrarase o domingo 27 de xullo en Santiago con máis dunha ducia de actuacións, feira de artesanía, roteiros e un acto inaugural no Museo do Pobo Galego dedicado á poesía oral.
Tradfest 2025
24 Jul 2025

O TradFest Compostela 2025 vivirá a súa xornada grande o vindeiro domingo 27 de xullo, cunha intensa programación que unirá música tradicional, feira de artesanía, roteiros e cultura oral no casco histórico de Santiago. O peche correrá a cargo de Tres Pesos e Baiuca, en concerto na Praza da Quintana a partir das 21:30 horas.

A concelleira de Festas, Pilar Lueiro, presentou o programa acompañada do promotor Vítor Belho, Felisa Segade (Tres Pesos) e o director da Agadic, Jacobo Sutil. Lueiro destacou que esta edición do TradFest pon en valor a poesía oral, en sintonía co recoñecemento da Real Academia Galega a este patrimonio inmaterial.

A xornada comezará co acto ‘Conversa con Antón Santamarina’ no Museo do Pobo Galego, conducido pola poeta Alba Cid. Durante todo o día, a música tradicional soará en prazas e parques con grupos como Chruinne, Cocanha, Pesdelán, Faltriqueira, Irmaus da Raia Seca ou a Banda Municipal de Santiago, acompañada por Pedro Lamas e Merchi Rodríguez.

Ademais, instalarase unha feira de artesanía e música en Mazarelos, e haberá ruadas polo casco vello con Os Viqueiras e Os Enxebres de San Lázaro.

A concelleira valorou positivamente o desenvolvemento das Festas do Apóstolo, agradecendo o traballo dos colectivos participantes e do Punto Lila. Tamén salientou o éxito da Festa Pícara e a gran acollida do concerto de Youssou N’Dour na Quintana.

⚙ Configurar cookies
0.26793694496155