Barry B compartirá escenario coas bandas do Centro Xove nun concerto organizado ao abeiro dos Orzamentos Participativos de Mocidade

O cantante Barry B, unha das revelacións do pop alternativo estatal, ofrecerá un concerto gratuíto o 30 de outubro na Sala Capitol, dentro dunha xornada musical organizada ao abeiro dos Orzamentos Participativos de Mocidade do Concello de Santiago. O artista compartirá escenario con Ginko Biloba, Futuro Alcalde e Amaramar, tres bandas galegas vinculadas aos locais de ensaio do Centro Xove da Almáciga.
A actividade une dúas das propostas máis votadas pola mocidade no proceso “Compostela Decide”, segundo explicou a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, durante a rolda de prensa de presentación. A edil destacou que esta iniciativa “permite traer unha proposta moi atractiva para a mocidade e, ao tempo, poñer en valor o talento local e o traballo que se desenvolve no Centro Xove da Almáciga”.
A presentación contou tamén coa participación de Guillermo Vistoso, mentor das bandas; Enric Pellicer, integrante de Amaramar; e Alberto Alfonso Vázquez, da produtora Artmusic, quen definiu a Barry B como “un dos artistas novos con maior proxección do Estado, cunha proposta súperexplosiva, e do que dentro de dous ou tres anos presumiremos de telo tido en Santiago”.
O artista, natural de Aranda de Duero, iniciou a súa traxectoria en 2021 e conta con máis dun millón de escoitas mensuais en Spotify. Publicou o seu primeiro disco, Chato, a finais de 2024 e vén de lanzar o sinxelo Infancia mal calibrada, que adianta o seu próximo traballo discográfico.
O evento forma parte do festival “Música no atardecer”, que abrirán as tres bandas compostelás a partir das 19:30 horas. Enric Pellicer, de Amaramar, agradeceu “a oportunidade de actuar nun escenario como o da Capitol e compartir cartel con Barry B”, e destacou as facilidades que o Centro Xove ofrece ás bandas locais.
Convites e acceso
A asistencia é gratuíta, pero require invitación previa. As entradas poderán retirarse desde mañá ata o venres no Centro Sociocultural do Ensanche (16:30 a 21:30 h) e os días 27, 28 e 29 de outubro no Centro Xove da Almáciga (10:00 a 16:00 h e 16:00 a 22:00 h).
As persoas menores de 16 anos deberán acudir acompañadas dun titor legal. O aforo é limitado a 800 persoas, cun máximo de dúas invitacións por persoa.