Beatriz Queiro suma un segundo metal en Chuncheon cun bronce na proba individual

Beatriz Queiro, do Omnihum, volveu subir ao podio no Mundial de Poomsae de Chuncheon, que rematou este domingo, e pechou a súa participación cunha segunda medalla. Despois de conquistar o día anterior a prata en Parellas +60 xunto ao catalán José Manuel Marín, a deportista viguesa conseguiu o bronce na categoría individual feminina de -65 anos.
A galega, campioa de Europa en Máster 3 en Tallín en 2025, iniciou a competición cunha vitoria ante a representante de Brasil, pero posteriormente caeu nas semifinais fronte á representante de Australia. Este resultado permitiulle sumar o seu segundo metal no Mundial, despois da prata conseguida xunto a José Manuel Marín. A actuación dá continuidade ademais ao podio logrado por ambos no Mundial de Hong Kong de 2024, onde conseguiron a medalla de bronce.
A última xornada do campionato tamén deixou outras participacións galegas que quedaron moi preto das medallas. En Parellas 1, Laura Álvarez e Daniel Areán, do Neka, completaron un gran percorrido. Venceron a Finlandia na primeira rolda, superaron despois a Marrocos e tamén se impuxeron a Xapón, logrando o pase aos cuartos de final. Nesa fase enfrontáronse a Tailandia nun duelo moi igualado que rematou coa eliminación da parella galega. Os tailandeses acabarían proclamándose campións do mundo.
No trío júnior feminino, Jessy Sun Shin, do Han´s Horang I, xunto á aragonesa Nía Zárate e á balear Noa Cambillo, tamén protagonizou unha destacada participación. O equipo superou os seus dous primeiros enfrontamentos, ante Finlandia e Myanmar, antes de caer nos cuartos de final fronte a Corea e quedar ás portas da loita polas medallas. Corea acabaría conseguindo o ouro.
Pola súa banda, o trío júnior masculino, integrado por Mateo Fernández, do AC Taekwondo Sarria, o catalán Guillem Bonilla e o madrileño Alberto Casteo, caeu no seu primeiro enfrontamento ante Estados Unidos por unha diferenza mínima na puntuación.
En freestyle, o quinteto +17 formado por Inés Abuín, Irene Abuín, Rubén Galdo e Pepe Soto, do Taekwondo Sada, e Miguel Barreiro, con Xulia González, do Yidam-CEIP Balaídos, como suplente, rematou na oitava posición do seu grupo.
Con esta segunda medalla, Galicia pecha a súa participación en Chuncheon con dous metais: a prata de Beatriz Queiro e José Manuel Marín en Parellas +60 e o bronce individual de Beatriz Queiro na categoría feminina de -65 anos.