Belén do Campo anima ás persoas maiores a solicitar as axudas do programa Benestar en Balnearios

A delegada territorial da Xunta, Belén do Campo, visitou o hotel balneario de Compostela en Brión para animar ás persoas maiores de 60 anos ou pensionistas maiores de 55 a solicitar as axudas do programa Benestar en Balnearios, cuxo prazo de solicitude permanece aberto ata o mércores 16 de xullo.
Durante a súa visita, Do Campo destacou os servizos terapéuticos que ofrece este establecemento, centrados no sistema nervioso, respiratorio e reumatolóxico, durante a quenda prevista do 9 ao 18 de decembro. Na provincia da Coruña tamén participa o balneario de Carballo.
Nesta edición do programa increméntanse tanto as prazas dispoñibles —máis de 1.275— como os turnos, que chegan ata 66 entre os meses de xullo e decembro. A duración das estadías será de 10 días en réxime de pensión completa, cunha tarifa que varía segundo o balneario elixido. A Xunta de Galicia subvenciona ata o 48 % do custo total.
A Administración autonómica destina este ano máis de 331.000 euros, un 10 % máis que na anterior convocatoria, co obxectivo de fomentar o envellecemento activo e saudable da poboación maior, promovendo o seu benestar e evitando situacións de dependencia ou soidade non desexada.
As solicitudes poden presentarse preferentemente por vía electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, ou de forma presencial en rexistros oficiais ou oficinas de correos, utilizando o formulario dispoñible tamén en politicasocial.xunta.gal.
Belén do Campo puxo en valor o éxito desta iniciativa, que cada ano recibe unha ampla acollida e supón un apoio importante para mellorar a calidade de vida das persoas maiores en Galicia.