Besteiro: “A condonación da débeda e a fin dos privilexios fiscais permitirían 1.000 millóns de euros máis para Galicia”

O secretario xeral do PSdeG e portavoz do Grupo Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, afirmou que a condonación da débeda e a eliminación dos privilexios fiscais permitirían dispor de 1.000 millóns de euros adicionais para mellorar Galicia e poñer ás persoas “no centro da acción política”.
O líder dos socialistas galegos presentou as emendas á totalidade e a emenda transversal aos Orzamentos da Xunta, centradas en cinco eixos prioritarios: vivenda pública de calidade, reforzo da sanidade e das políticas sociais, financiamento local e prevención de incendios e recuperación das zonas arrasadas este verán.
Besteiro defendeu un modelo de país alternativo baseado nunha Galicia “solidaria e amable que non deixe a ninguén atrás”, grazas aos 615 millóns de euros que resultarían da condonación da débeda e aos ingresos adicionais derivados dun modelo fiscal máis xusto “no que pague máis quen máis ten”. Segundo explicou, con estas partidas sería posible “abrir unha xanela de esperanza para blindar os servizos públicos, garantir un crecemento económico sostible e emprego de calidade e poñer o benestar das persoas no centro”.
O PSdeG propón destinar 225 millóns de euros adicionais á vivenda, incluíndo 45 millóns para un Banco Público de Alugueiro, 25 millóns para vivenda pública e 40 millóns para garantir axudas aos 22.000 mozos e mozas que quedaron fóra do bono de alugueiro. Ademais, a proposta contempla 5 millóns para que os concellos poidan implementar zonas tensionadas e 40 millóns para novas residencias universitarias.
En materia de sanidade, Besteiro propón incrementar en 130 millóns os fondos destinados á sanidade pública, con 80 millóns dedicados á atención primaria para rematar coas listas de espera e o colapso do sistema.
No ámbito das políticas sociais, a emenda transversal dos socialistas galegos contempla máis de 180 millóns de euros adicionais, dos que 100 millóns se destinarían a garantir a viabilidade do Servizo de Atención no Fogar (SAF). Ademais, inclúe 20 millóns para mellorar a calidade das residencias de maiores, 30 millóns para recuperar a Tarxeta Básica e 6 millóns para o bono social eléctrico.
Besteiro propón tamén un Plan Único para os concellos que garanta financiamento incondicionado e remate co reparto “a dedo” dos fondos por parte da Xunta. O PSdeG pretende así duplicar os 114 millóns do fondo base de financiamento local con 200 millóns adicionais, ademais de compensar o canon de Sogama con 30 millóns para evitar subas no recibo do lixo.
En materia de prevención de incendios, os socialistas propoñen destinar 215 millóns de euros adicionais, con 100 millóns para un Plan Integral de recuperación das zonas afectadas e outros 100 millóns para restaurar as áreas danadas polos incendios do pasado mes de agosto. Ademais, inclúe 15 millóns para garantir un modelo de equipos de prevención único, estable e dependente da Xunta.
O PSdeG inclúe tamén 50 millóns adicionais para o transporte, dos que 30 se dedicarían á subvención das peaxes nas autoestradas de titularidade autonómica.
A proposta socialista abrangue tamén medidas de igualdade, apoio á mocidade, promoción da lingua galega, políticas de memoria democrática e reforzo do deporte e da cultura.
Besteiro reclamou a devolución duns Orzamentos “sen alma”, que cualificou de “incapaces de atender ás necesidades reais das persoas”, e asegurou que a proposta do PSdeG demostra que “outra Galicia é posible e viable”, xa que “o que falla é a vontade política” para blindar o benestar da cidadanía.