Besteiro: “A devastación en San Vicente de Leira evidencia o abandono do rural tras 17 anos de goberno do PP”

San Vicente de Leira, parroquia de Vilamartín de Valdeorras, converteuse nun símbolo doloroso do abandono do rural galego. As lapas arrasaron máis de 120 vivendas, palleiras e alpendres, unha imaxe que o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, cualificou como “a evidencia máis clara do abandono do rural tras 17 anos de goberno do Partido Popular”.
“O que vivimos aquí non é froito do azar. É o resultado dun abandono prolongado: sen garda dos montes, sen servizos públicos, con menos xente que coide desta terra. Galicia interior leva demasiado tempo esquecida polo PP e cando chega o incendio, quedamos indefensos fronte ao lume”, advertiu Besteiro durante a súa visita.
O líder socialista pediu cambiar o paradigma das políticas rurais: “Non vale con mandar medios en agosto. O rural precisa vida constante: escolas, atención médica, oportunidades para a xente nova, actividade económica… e, sobre todo, prevención real, non cifras en papel. Atacamos o problema cando xa é tarde”.
En Vilamartín de Valdeorras, Besteiro anunciou a celebración en Ourense dunha reunión de alcaldes e alcaldesas socialistas para poñer en común propostas e experiencias que permitan deseñar un plan eficaz de prevención: “Non imos conformarnos con palabras baleiras”.
Pola súa banda, o alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez, lanzou un aviso contundente: “Pobos enteiros poden desaparecer se as administracións seguen sen escoitar á xente que vive aquí cada día”. O rexedor criticou que “foron os veciños, cos tractores e os mozos voluntarios, quen salvaron o pouco que se puido salvar. A administración non estivo á altura”.
Álvarez denunciou ademais que San Vicente de Leira só conta cunha vía de saída, malia levar trinta anos reclamando melloras na estrada á Deputación de Ourense. “Unha vez que o lume se desbordou en Larouco ou Pitín, xa non quedaba nada por facer. Non se poden facer leis desde un despacho sen escoitar á xente que coñece o monte e o río. Se non nos escoitan, isto volverá a pasar”, advertiu.
No percorrido pola zona afectada, Besteiro e Álvarez estiveron acompañados polo secretario provincial, Álvaro Vila, e a deputada autonómica Carmen Dacosta, entre outras representantes socialistas.