Besteiro: “A Lei de Mobilidade blindará as paradas de bus en Galicia que o PP quixo deixar caer”

O líder socialista acusa ao PP de bloquear 10.000 millóns de euros en fondos europeos e destaca que a nova norma garante por lei o dereito á mobilidade
Besteiro
14 Oct 2025

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, defendeu que a nova Lei de Mobilidade Sostible “marca un antes e un despois” na política de transporte, blindando todas as paradas de autobús en Galicia. Acusou ao PP de mentir e de tentar bloquear fondos europeos clave para a modernización do transporte público.

O secretario xeral do PSdeG e voceiro do Grupo Parlamentario Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, asegurou que a nova Lei de Mobilidade Sostible “blindará todas as paradas de autobús existentes en Galicia” e impedirá que “ningún goberno futuro poida suprimilas nin deixalas caer”.
Besteiro subliñou que se trata dunha norma “histórica” que “marca un antes e un despois na política de transporte en España e en Galicia”, xa que por primeira vez “o Estado garante por lei o dereito á mobilidade”.

O líder socialista acusou ao Partido Popular de “mentir, alarmar e votar en contra”, poñendo en risco 10.000 millóns de euros en fondos europeos vinculados á aprobación desta lei.
“A Unión Europea deixara claro que estes fondos dependían da aprobación da norma, e o PP sabíao perfectamente”, afirmou.

Besteiro lembrou que a Xunta de Galicia nin sequera respondeu á proposta do Estado para integrar as liñas dependentes do Ministerio na rede galega de transporte. “Como xa nos ten acostumados, a Xunta non responde nin contesta, nin se senta nas mesas nas que se tratan temas importantes para Galicia”, denunciou.

Segundo explicou, esta falta de colaboración provocou que Galicia perdese oportunidades para mellorar a coordinación e eficiencia do transporte público, especialmente no rural. “Esta lei pon luz sobre os fallos que se producen no transporte urbano e interurbano da Xunta”, engadiu.

O secretario xeral contrastou a política do Goberno de España coa da Xunta, cualificando o transporte interurbano galego como “un caos absoluto”.
“A Valedora do Pobo leva meses denunciando servizos suprimidos, autobuses que non chegan e usuarios obrigados a viaxar de pé. A Xunta nin controla as concesionarias nin responde ás queixas da cidadanía”, criticou.

Besteiro reivindicou que a nova Lei de Mobilidade é “unha aposta pola Galicia do futuro”: “Conecta o rural, garante dereitos e aposta pola igualdade e a sostibilidade. É a política útil que beneficia á xente”.
Finalmente, pediu ao PP “que deixe de mentir, de bloquear e de poñer paus nas rodas” e que actúe “con visión de país”.

⚙ Configurar cookies
0.35374712944031