Besteiro a Rueda: “A condonación da débeda é unha solución para Galicia pero un problema para vostede”

O líder do PSdeG reprocha ao presidente da Xunta que priorice a confrontación co Goberno central en lugar de aceptar unha medida beneficiosa para a comunidade
Besteiro a Rueda
12 Mar 2025

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, acurralou a Alfonso Rueda na sesión de control do Parlamento de Galicia ao desmontar un a un os seus argumentos sobre a condonación da débeda autonómica e o modelo de financiamento. “Vostede sabe que esta condonación é boa para Galicia, pero prefire manter o seu único discurso: a confrontación política e o enfrontamento co Goberno de España”, reprochoulle.

O líder socialista evidenciou a xestión económica do PP en Galicia con datos: “En 2008, cando vostedes chegaron ao goberno, a débeda galega era de 3.954 millóns de euros. En 2024 ascende a 12.154 millóns, triplicada e case toda contraída con bancos privados. Dicían que farían máis con menos e acabaron facendo menos e endebedándose tres veces máis”, criticou.

Besteiro lamentou que a Xunta acudise a Madrid "non a negociar, senón a montar un espectáculo". "O seu conselleiro fixo 600 quilómetros só para sentarse nunha mesa co único obxectivo de levantarse. Menudo papelón", ironizou.

A condonación da débeda é financiamento: Galicia sae beneficiada

Besteiro defendeu que a condonación da débeda autonómica impulsada polo Goberno de España é unha medida xusta e beneficiosa para Galicia. "Se vostede debe 12 euros e lle perdoan 4, pode investir eses 4 en servizos para os galegos e as galegas. Non parece difícil de entender, salvo que vostede decidise non pagar a débeda", ironizou.

Ademais, explicou que este mecanismo básase en tres principios clave:

  • Distribución equitativa: o 75% da condonación repártese segundo a poboación axustada, tendo en conta factores como o envellecemento e a dispersión. Galicia sae beneficiada.
  • Garantía de equidade: ningunha comunidade autónoma recibe menos do 19% de condonación.
  • Corrección de desequilibrios históricos: as comunidades máis prexudicadas polo actual modelo de financiamento reciben un axuste adicional.

“Todas as demais interpretacións que fai o PP son falaces, interesadas e burdas e só buscan enganar á xente”, denunciou Besteiro.

O PP prioriza a confrontación política sobre os intereses de Galicia

O secretario xeral do PSdeG acusou a Rueda de estar máis preocupado por manter o seu relato de confrontación con Pedro Sánchez que por defender os intereses de Galicia. “Vostede ten un problema político: se acepta a condonación, perde a súa única arma, que é a confrontación co Goberno de España. Se non a acepta, mete a Galicia nun problema. Está nunha rúa sen saída”, asegurou.

Besteiro tamén puxo en evidencia a hipocrisía do PP nesta cuestión, lembrando que en 2014, o Goberno de Mariano Rajoy xa estudaba unha quita de 80.000 millóns de euros da débeda autonómica, e que en 2017, Cristóbal Montoro abriu a porta a condonar parte da débeda de Cataluña. "Agora resulta que cando o fai Pedro Sánchez, vostedes montan un espectáculo. Foron a Madrid non a negociar nin a analizar datos, senón a montar un show. O seu conselleiro fixo 600 quilómetros só para sentarse e levantarse. Menudo papelón”, recriminou.

Máis autogoberno e responsabilidade fiscal

O líder socialista tamén avogou por avanzar na corresponsabilidade fiscal e na mellora do modelo de financiamento municipal. “Galicia debe cobrar e xestionar os seus propios impostos. Non queremos depender de terceiros para logo pasarnos o día pedindo. Queremos máis autogoberno e unha maior capacidade de xestión fiscal propia”, defendeu.

Por último, acusou a Rueda de utilizar a Xunta como un espazo de confrontación en lugar de gobernar con responsabilidade. “Non quere condonar a débeda porque prefire seguir coa súa guerra. Non quere corresponsabilidade fiscal porque prefire queixarse. Non quere financiar os concellos porque sabe que o farían mellor ca vostede. Ocupa a presidencia como un adolescente cando debera gobernar como un adulto”, concluíu Besteiro.

⚙ Configurar cookies
0.11322498321533