Besteiro: “A traxedia dos lumes foi devastadora, pero a xestión do PP aínda a fixo peor”

Besteiro inaugurou en Ourense o curso político cun encontro de alcaldes e alcaldesas socialistas e criticou a xestión do PP nos incendios: “A traxedia foi devastadora, pero a súa xestión aínda a fixo peor”.
Besteiro
2 Sep 2025

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, inaugurou este 1 de setembro en Ourense o curso político cun encontro con alcaldes, alcaldesas e voceiros socialistas de toda Galicia, así como cos presidentes das deputacións de Lugo e da Coruña, José Tomé e Valentín González Formoso, e o presidente da Fegamp, Alberto Varela.

Na reunión participaron rexedores de diferentes municipios, entre eles Vigo, Monforte, Cerceda e Ribeira de Piquín, así como representantes da provincia de Ourense máis afectada polos incendios. Outros concellos tamén estiveron presentes de maneira telemática.

Besteiro lembrou a súa visita á zona afectada en Valdeorras a pasada semana e asegurou que este encontro responde á promesa feita ao alcalde de Vilamartín: “Comprometinme a convocar de inmediato unha reunión cos alcaldes e alcaldesas socialistas para analizar o sucedido e preparar a nosa resposta política. E hoxe cumprimos esa palabra”.

O líder socialista destacou que a prioridade durante a vaga de incendios era “apagar os lumes e protexer vidas e bens”, pero insistiu en que agora é tempo de pedir responsabilidades. “A maior traxedia non foron só os incendios, senón que a súa xestión quedara en mans dun PP incompetente, que sempre mira para outro lado e nunca asume os seus erros”.

Críticas á Xunta

Besteiro subliñou que a Xunta ten competencias exclusivas en prevención e extinción e que a súa actuación foi “un fracaso absoluto”: “No 2018 aprobamos 123 medidas nun ditame conxunto sobre incendios. O PP tivo sete anos para aplicalas e non fixo nada. O resultado vímolo este agosto: montes abandonados, falta de medios e un rural desprotexido”.

Tamén acusou o PP de manter unha actitude “negacionista e neglixente” ante a emerxencia climática: “Non se pode combater unha emerxencia global cun goberno autonómico instalado na propaganda e na improvisación. Necesitamos planificación, prevención e recursos, non máis escusas”.

Axenda municipalista e Pacto de Estado

O encontro abordou tamén cuestións como a financiación municipal e autonómica, a cohesión territorial e o apoio aos concellos que asumen competencias impropias sen fondos suficientes.

Finalmente, sobre o Pacto de Estado contra o Cambio Climático anunciado polo presidente do Goberno, Pedro Sánchez, Besteiro foi claro: “Rueda debe facelo, pero dubido moito que o vaia facer. Levan 17 anos no poder e nin sequera puxeron en marcha as recomendacións que eles mesmos aprobaron. O PP é incapaz de pasar da foto á acción”.

No acto tamén interviñeron a secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, a portavoz de Política Forestal no Parlamento, Carmen R. Dacosta, e o secretario provincial, Álvaro Vila.

⚙ Configurar cookies
0.30589985847473